Nova: A Xunta celebrará o 25 aniversario da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial cun concerto da pianista Isabel Dobarro

22/11/2025

A Xunta celebrará o 25 aniversario da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial cun concerto da pianista Isabel Dobarro

Esta é a primeira actuación da intérprete tras ser galardoada co Premio Grammy Latino ao Mellor álbum de música clásica polo seu traballo ‘Kaleidoscope’

Será o martes, día 25, na sede da Delegación territorial da Xunta en Lugo como parte da programación impulsada polo Goberno galego para esta efeméride

As actividades inclúen tamén iniciativas para escolares, que configurarán un mural con felicitacións, e a mostra interactiva ‘Voces da muralla’

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2025

A Xunta de Galicia conmemorará o 25 aniversario da declaración da muralla de Lugo como Patrimonio Mundial pola Unesco cunha ampla programación cultural na cidade, que inclúe o primeiro concerto da pianista galega Isabel Dobarro tras recibir o Premio Grammy Latino ao Mellor álbum de música clásica por Kaleidoscope.

Esta actuación terá lugar na sede da Delegación territorial da Xunta en Lugo o vindeiro martes, día 25, ás 20,00 horas, con entrada libre e de balde, ata completar capacidade, e será unha das actividades principais dos festexos coas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude buscará pór en valor a importancia non só para a cidade de Lugo, senón para toda Galicia, do recoñecemento internacional que obtivo o 30 de novembro do 2000 este Ben de Interese Cultural e única fortaleza romana do mundo que se conserva enteira.

Deste xeito, a programación do Goberno galego para esta efeméride abrangue actividades nos centros educativos durante toda a semana, que incluirá a elaboración, por parte dos escolares da cidade, dun mural que recompilará as súas orixinais e creativas felicitacións para a muralla, que se exporá no edificio da Xunta en Lugo.

Precisamente, nestas instalacións tamén se poderá ver, a partir do próximo martes, a exposición interactiva Voces da muralla. Esta mostra recompila vídeos da veciñanza lucense explicando a súa relación con este Patrimonio mundial. Procúrase, deste modo, facer partícipe a toda a poboación desta conmemoración, tendo en conta os estreitos vencellos afectivos existentes por parte da cidadanía con este ben, considerado non só un símbolo da cidade e de Galicia, senón todo un elemento vivo que percorren, transitan e cruzan, a través das súas dez portas, centos de lucenses a diario.

De igual forma, a Biblioteca de Lugo, integrada no servizo de Rede de Bibliotecas Públicas da Xunta, tamén será outros dos escenarios que se sumarán aos festexos dándolle visibilidade a unha completa mostra bibliográfica das publicacións existentes nos seus fondos, e en diferentes xéneros, sobre a muralla e a antiga Roma.

Actuación conxunta de máis de 160 acordeóns

Á programación conmemorativa da Consellería de Cultura sumarase un orixinal e grande espectáculo musical, conformado por máis de 160 acordeonistas provenientes de toda Galicia e de diferentes puntos de España, entre os que estará a agrupación Terras do Miño, integrada por lucenses que superan os 60 anos de idade.

Esta actuación conxunta terá lugar o vindeiro sábado, día, 29, no auditorio da Delegación da Xunta, ás 12,00 horas, con entrada libre e de balde ata completar capacidade. Pola tarde, a partir das 17,00 horas, as 13 agrupacións volverán actuar, pero nesta quenda xa por separado.

Conferencia de Santiago Posteguillo

Finalmente, complementará a celebración unha conferencia do escritor Santiago Posteguillo, especializado na antiga Roma e Premio Planeta en 2018, pola novela histórica Yo, Julia, que terá lugar o 2 de decembro, ás 20,00 horas, tamén na sede da Delegación da Xunta.

O relatorio, que leva por título O corazón romano de Galicia: o pálpito dunha historia que non termina, afondará na chegada dos romanos a Hispania, en xeral, e ao noroeste da península en particular, incidindo na importante pegada histórica, cultural e social que supuxo a romanización de todo este territorio.

Comparte