Nova: Xunta e Agapi ofrecen unha xornada sobre dereitos audiovisuais para profesionais do sector no marco do programa formativo Galicia Profilme
21/11/2025
Xunta e Agapi ofrecen unha xornada sobre dereitos audiovisuais para profesionais do sector no marco do programa formativo Galicia Profilme
A cita aborda a capacitación no ámbito da regulación, as pantallas, os mercados e os modelos de explotación
Jacobo Sutil destaca que as iniciativas deste tipo reforzan a competitividade do audiovisual galego e permiten coñecer mellor a dimensión empresarial dunha industria en continuo crecemento
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2025
A Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Produtoras Independentes celebran hoxe no Museo das Peregrinacións e de Santiago a xornada Dereitos Audiovisuais: territorios, prazos e pantallas, unha nova proposta do programa formativo Galicia ProFilme na que participan persoas expertas neste ámbito xurídico e profesionais do sector.
A sesión abriu coas intervencións de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, e de Felipe Lage Coro, presidente da asociación. Durante a súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude subliñou que Galicia ProFilme tense convertido nun espazo fundamental de aprendizaxe e actualización continua de todos os axentes implicados no proceso de produción e distribución cinematográfica. “Para o Goberno galego é prioritario impulsar non só a creación audiovisual, senón tamén unha capacitación profesional que lles permita ás nosas produtoras incrementar a súa competitividade nun mercado global”, dixo.
Sutil incidiu especialmente na importancia de ofrecer unha formación especializada que aborde ámbitos máis alá da creatividade: “O audiovisual é arte, pero tamén é industria. Por iso é esencial que as produtoras e profesionais coñezan con máis profundidade os aspectos vinculados ao dereito, ás licenzas e ás fórmulas de negocio que condicionan a vida comercial das obras”.
Especialización orientada á práctica profesional
A xornada contou cun completo programa matinal centrado en aspectos esenciais da explotación audiovisual. A avogada María Blanco Ramos, de MRB Abogados, abriu o bloque técnico cunha análise sobre o cumprimento das normas audiovisuais, a xurisdición e a regulación. A continuación, María Romero Valiña, do mesmo bufete, abordou o impacto dos dereitos audiovisuais nos territorios e nas dinámicas de distribución internacional.
Pola súa banda, María Coronado, directora audiovisual da Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica (SETT), e Pedro Martín, responsable da área audiovisual e de deporte en Crea SGR, disertaron sobre pantallas, oportunidades de negocio e novos modelos de explotación. A mañá concluíu cunha quenda aberta de preguntas e co diálogo entre participantes e relatoras.
Reunións ‘one to one’ para produtoras
Pola tarde está prevista unha sesión de reunións executivas one to one, abertas ás produtoras interesadas previa solicitude. Cada encontro, de quince minutos, permite formular dúbidas específicas, revisar proxectos en desenvolvemento e analizar itinerarios de distribución e financiamento.
Esta xornada forma parte de Galicia ProFilme, o programa desenvolvido pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, para a formación e intercambio profesional no eido audiovisual. Comprende a oferta periódica de accións de formación e asesoramento dirixidas á totalidade de axentes profesionais do sector e con especial tratamento á captación de fondos europeos baixo as titorías da Oficina MEDIA España.

