Nova: A Xunta completa os traballos para coñecer os 18 séculos de historia do xacemento de Adro Vello
18/11/2025
A Xunta completa os traballos para coñecer os 18 séculos de historia do xacemento de Adro Vello
A intervención, en colaboración coa Universidade de Vigo, dá continuidade ao proxecto iniciado en 2022 para reconstruír as diferentes fases de ocupación
Cun orzamento de case 65.000€, o proxecto eleva ata os 335.000€ o investimento feito nos últimos anos polo Goberno galego neste espazo
Nesta fase, os traballos centráronse nunha pequena zona da necrópole na que se recuperou un vertedoiro, así como restos da limpeza do peixe, cerámica ou moedas
Ao abeiro deste compromiso, a Administración autonómico impulsou a apertura dunha aula interpretativa que facilita a comprensión dos restos conservados
O Grove (Pontevedra), 18 de novembro de 2025
O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, visitou hoxe o xacemento arqueolóxico de Adro Vello, no concello pontevedrés do Grove, onde a Xunta de Galicia, en colaboración coa Universidade de Vigo, acaba de completar os traballos que permiten coñecer os 18 séculos de historia desta zona arqueolóxica.
Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, os traballos rematados agora dan continuidade ao proxecto iniciado no ano 2022 para reconstruír as diferentes fases de ocupación deste espazo. Así, cun orzamento de case 65.000€, o proxecto eleva ata os 335.000€ o investimento feito nos últimos anos polo Goberno galego para escavar, conservar e adecuar o xacemento arqueolóxico de Adro Vello.
“Nesta fase os traballos centráronse nunha pequena zona da necrópole que quedara sen completar”, explicou Miramontes antes de precisar que os labores sacaron á luz un vertedoiro, así como diferentes materiais entre os que se inclúen restos da limpeza do peixe, pezas de cerámica ou moedas. “Estes achados poñen de manifesto, unha vez máis, a importancia deste espazo declarado Ben de Interese Cultural en 2022 para entender a historia de Galicia desde o punto de vista histórico, arqueolóxico, científico e cultural”, apuntou.
Cómpre lembrar que ao abeiro do compromiso da Administración autonómica coa posta en valor deste xacemento, este mesmo ano a Xunta tamén inaugurou unha aula interpretativa que facilita a comprensión dos restos conservados feita ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Xunta e a Arquidiocese de Santiago de Compostela para a cesión dun inmoble anexo a casa reitoral e preto da Igrexa de San Vicente do Grove. O espazo conta con 12 paneis explicativos que tratan a historia e o significado do xacemento, así como unha maqueta, un sártego pétreo extraído alí e a réplica da Moeda Xacobea de Traslatio exhumada durante as excavacións en 1985.
Estes traballos enmárcanse no Plan de actuacións arqueolóxicas que, neste ano 2025, inclúe unha partida de preto de 500.000 euros para a realización dunha vintena de actuacións arqueolóxicas na provincia de Pontevedra.
En total, o director xeral de Patrimonio Cultural salientou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina este ano 1,5 millóns de euros para 81 accións en xacementos por toda Galicia, que se realizarán en solitario ou en colaboración con institucións académicas e concellos. Segundo precisou, este plan inclúe o tarefas que van desde escavacións, limpezas, prospeccións, reparacións e labores de consolidación, ademais de traballos paralelos de documentación para o desenvolvemento de accións divulgativas, así como outras xestións necesarias para a salvagarda do patrimonio.
