Nova: O programa da Xunta ‘Territorio Cultura’ impulsa con 300.000 euros 12 proxectos multidisciplinares en preto de 60 concellos do rural
11/11/2025
O programa da Xunta ‘Territorio Cultura’ impulsa con 300.000 euros 12 proxectos multidisciplinares en preto de 60 concellos do rural
Publícase a concesión desta liña de axudas destinada a ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas
De iniciativa privada, as propostas céntranse na dinamización, creación, investigación, mediación, exhibición ou intercambio cultural, entre outros obxectivos
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acaba de resolver a concesión das subvencións do programa Territorio Cultura, a través das que distribúe 300.000 euros entre 12 proxectos multidisciplinares e de iniciativa privada para ampliar e diversificar a oferta cultural en preto de 60 concellos do rural galego. Nalgúns dos casos inclúense, ademais, accións de intercambio e colaboración noutras comunidades autónomas co mesmo obxectivo de dinamizar culturalmente os núcleos non urbanos.
Outra das finalidades de Territorio Cultura é activar procesos culturais que afonden nos vínculos individuais e sociais co territorio, ofrecendo novas oportunidades laborais, estables e de calidade dentro do sector. De aí, que esta convocatoria se dirixira especificamente a empresas, fundacións e asociacións culturais, tendo en conta a súa maior incidencia na profesionalización da cultura.
As propostas subvencionadas desenvólvense entre este ano e o que vén en concellos de menos de 10.000 habitantes, ou de ata 30.000 no caso dos de menor densidade poboacional, concentrándose maioritariamente nas provincias de Lugo e Ourense.
Cinco proxectos con sede en Lugo
Así, na provincia de Lugo teñen as súas sedes principais cinco dos proxectos seleccionados. En Folgoso do Courel, por exemplo, desenvólvense gran parte das actividades dunha nova edición de Territorio Novoneyra, coa que a Fundación Uxío Novoneyra conmemora o 25º aniversario do pasamento do poeta cunha programación que se estende tamén a Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Becerreá e O Incio, ademais de contemplar accións en Cataluña, Madrid, Canarias e Castela-A Mancha.
Nesta mesma provincia localízanse igualmente as propostas Habitar-nos, da Asociación Cultural Sacra Experience, para reforzar a través da cultura o tecido social, a participación cidadá e a creación de redes entre aldeas en risco de despoboamento en Chantada, O Saviñao, Carballedo, Taboada, Friol e Monforte de Lemos; Sarria<30, de Ouvirmos, para fomentar o emprendemento cultural entre a mocidade desa comarca; a segunda edición de Vendaval, mostra itinerante de cinema portugués organizada pola Asociación A Memoria é Náufraga en oito concellos da Ribeira Sacra; e o proxecto multidisciplinar de cine, artes visuais, educación, patrimonio e antropoloxía que O Castro Art Village leva a cabo en O Saviñao, Samos, Pantón e Taboada.
Propostas ourensás
A provincia de Ourense é o foco doutras catro iniciativas de Territorio Cultura 2025, como Campo aberto. Prácticas culturais para un tempo común, programa de A Casa Vella para a investigación, a creación e o intercambio arredor das artes vivas e visuais, a formación, o patrimonio ou a videodanza, con epicentro na súa sede da aldea de Amiadoso, en Allariz, mais tamén con actividade en Nogueira de Ramuín, Sarreaus, Viana do Bolo, Cualedro e Sandiás, así como en Baleares, Cataluña ou País Vasco.
Manzaneda é o núcleo da proposta de cultura comunitaria Laboratorio mutante. Paisaxes candentes, que Outonía leva tamén ao Bolo, A Veiga, Vilariño de Conso e Viana do Bolo, ademais de a Asturias, Castela e León, Estremadura e Madrid. No caso da Tecedora SóLODOS, de Neodans, a danza conflúe coa música, o circo, a gastronomía e a artesanía como parte dun programa que se desenvolve en Xunqueira de Espadanedo, Nogueira de Ramuín, Melón e Baños de Molgas, no concello lucense de Portomarín e en Aragón.
No concello ourensán da Peroxa ten a súa sede o Festival Clásico Ribeira Sacra, que propón co gallo da súa oitava edición unha serie de recitais de música de cámara e residencias nunha decena de concellos de Ourense e de Lugo.
A Coruña e Pontevedra
No caso da Coruña, son nove os municipios polos que discorren dous dos proxectos subvencionados nesta convocatoria de Territorio Cultura: aAntena organiza A Carriza, programación de artes escénicas, patrimonio oral, saberes tradicionais, medio ambiente, tecnoloxía e patrimonio material para públicos diversificados da Costa da Morte e doutras comunidades (Andalucía, Asturias, Castela e León, e Estremadura), mentres que a Asociación Morreu o Demo leva a iniciativa Da barraca á aula ao rural de diferentes puntos de Galicia: Laxe, Valdoviño, Vilasantar, Meira, O Vicedo, Pol, San Cristovo de Cea, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía, A Estrada, Lalín e Silleda.
Tamén se estende ás catro provincias A radio (o radiovisual) do patrimonio. A memoria compartida, de Casa de Tolos, que sigue o modelo de Ponte... nas ondas! para a posta en marcha de seis procesos participativos en Mondariz Balneario, Quiroga, San Cristovo de Cea, Muros, Castro de Rei e Ribeira de Piquín.
Con esta convocatoria, a Xunta retoma unha proposta que en 2022 e 2023 facilitou a posta en marcha dunha trintena de iniciativas de descentralización e innovación cultural en 85 municipios. Esta terceira xeira de Territorio Cultura conta para o seu financiamento cos fondos que o Estado distribúe entre as Comunidades autónomas segundo o acordado no Pleno da Conferencia Sectorial de Cultura do mes de maio.

