Nova: A Filmoteca de Galicia celebra os 20 anos do programa pedagóxico ‘Cinema en Curso’ cun ciclo conmemorativo

10/11/2025

A Filmoteca de Galicia celebra os 20 anos do programa pedagóxico ‘Cinema en Curso’ cun ciclo conmemorativo

A primeira sesión terá lugar mañá pola tarde coa participación de Xacio Baño, Jaione Camborda, Marcos López e Ángel Santos, catro dos cineastas que veñen colaborando coa Xunta para o desenvolvemento na nosa Comunidade desta iniciativa internacional

Forma parte da actividade educativa e de mediación da cinemateca galega, xunto a Fotografía en Curso, Filmoteca Jr e Novas Miradas

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2025

A Filmoteca de Galicia súmase á celebración dos 20 anos de Cinema en Curso cun ciclo conmemorativo arredor deste programa internacional de pedagoxía do audiovisual, coordinado na nosa Comunidade pola cinemateca da Xunta, durante o que a sala José Sellier da Coruña recibirá diferentes cineastas vinculados a esta iniciativa de creación e mediación artística.

Baixo o título Compartir o cinema. 20 anos de Cinema en Curso, o especial arrancará mañá martes, ás 19,00 horas, cunha primeira sesión na que intervirán Xacio Baño, Jaione Camborda, Marcos López e Ángel Santos, catro dos profesionais galegos que veñen colaborando coa Filmoteca de Galicia na titorización dos filmes realizados polo alumnado de primaria e secundaria dos diferentes centros escolares que, en cada novo curso escolar, participan nesta iniciativa.

Núria Aidelman, codirectora deste programa impulsado pola asociación A Bao A Qu, será a encargada de moderar o coloquio, tras o que se proxectará Innisfree, de José Luis Guerin, unha das películas esenciais de Cinema en Curso, cuxa metodoloxía educativa se fundamenta no vínculo entre ver e facer cinema. Este documental de 1990 percorre as paisaxes e as xentes da localidade irlandesa onde John Ford ambientou en 1952 a súa película El hombre tranquilo, para abordar como a súa rodaxe e a ficción que narraba pasaron a formar parte da memoria colectiva da vila.

O ciclo, organizado xunto ás filmotecas de Cataluña e Valencia, estenderase durante seis meses convidando outros destacados profesionais do cinema, como Jaume Claret Muxart ou o propio José Luis Guerin, a reflexionar sobre as películas que lles inspiraron, as miradas coas que constrúen o seu propio cinema e os procesos creativos que lles moven.

Pedagoxía e mediación

O programa Cinema en Curso, pioneiro na introdución do cinema nas aulas, forma parte das liñas de traballo didáctico e de mediación da cinemateca galega, xunto con Fotografía en Curso, Filmoteca Jr e Novas Miradas, e segue consolidándose como un espazo de aprendizaxe, pensamento e creación compartida arredor da imaxe.

A súa posta en marcha por A Bao A Qu en 2005 buscaba achegar o cinema á rapazada a través da práctica e do descubrimento das obras de grandes autores. Ao longo destas dúas décadas, converteuse nun referente internacional de alfabetización audiovisual, con presenza en máis de trinta escolas e institutos de España, ademais de noutros países como Alemaña, Arxentina, Chile, Eslovenia, Serbia ou Lituania.

Cinema en Curso e Fotografía en Curso centran o traballo de creación e mediación artística da Filmoteca de Galicia a través de catro eixes de traballo: formación do profesorado, prácticas nos centros educativos, redes colaborativas e de difusión entre os colexios e institutos participantes e programación cinematográfica complementaria.

Desde o seu comezo, ambos os dous programas teñen contando cunha media de 12 centros por ano escolar e achegado o cinema e a fotografía a máis de 8600 estudantes a través da realización de 49 filmes e máis de 60 exposicións fotográficas. Neste curso 2025-2026,  está prevista a participación de 12 colexios e institutos galegos e arredor de 600 alumnos e alumnas.

Este traballo pedagóxico da Fimoteca de Galicia complétase coa liña de formación de novos públicos que desenvolve a través das seccións Filmoteca Jr., centrada no público familiar e infantil, e Novas Miradas, pensada para Secundaria e Bacharelato.

Comparte