Nova: A Xunta aumentará ata os 3,6 M€ o seu orzamento no 2026 ao Consorcio da Música o que supón un incremento do 20% con respecto ao orzamento de 2024

07/11/2025

A Xunta aumentará ata os 3,6 M€ o seu orzamento no 2026 ao Consorcio da Música o que supón un incremento do 20% con respecto ao orzamento de 2024

O Goberno galego tamén  informou dunha aportación extraordinaria da Xunta, neste exercicio 2025, de 200.000 euros, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, incrementando o orzamento ao Consorcio da Música neste ano con respecto a 2024, pasando de 3 a 3,5 millóns de euros

A Coruña, 7 de novembro de 2025

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o  director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron hoxe na Xunta de Goberno do Consorcio para a Promoción da Música, na que informaron dunha aportación extraordinaria da Xunta, neste exercicio 2025, de 200.000 euros, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dando resposta ao acordo acadado na reunión da Xunta de Goberno do 15 de agosto de 2025. Deste xeito, a Xunta incrementou o orzamento ao Consorcio da Música neste ano con respecto ao orzamento de 2024, pasando de 3 a 3,5 millóns de euros.

Ademais, subliñou que o Goberno galego volverá a aumentar o seu apoio a esta entidade nos orzamentos de 2026, ata os 3,6 millóns de euros, o que supón un incremento do 20% con respecto ao orzamento do 2024.

Durante a reunión, Belén do Campo destacou que este aumento orzamentario evidencia o firme compromiso da Xunta coa cidade da Coruña e coa súa actividade cultural, así como coa consolidación do Consorcio como motor musical de referencia a nivel rexional, estatal e internacional. O Consorcio para a Promoción da Música desempeña un papel esencial no impulso da vida cultural coruñesa, promovendo unha ampla programación que achega a música clásica, sinfónica e contemporánea a públicos de todas as idades.

Entre as iniciativas máis relevantes do organismo atópase a xestión da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e a organización de ciclos e festivais que dinamizan de maneira continua a axenda cultural da cidade. A delegada subliñou que o incremento orzamentario responde á excelencia artística da OSG e á necesidade de manter e reforzar os seus proxectos educativos e didácticos, ademais de contribuír a recuperar o equilibrio económico do Consorcio para permitir que siga ampliando a súa actividade.

Con este incremento, a Xunta reafirma a súa aposta por unha oferta musical de calidade, que continúa fortalecendo o tecido cultural da Coruña e garantindo que a música siga sendo un sinal de identidade da cidade.

Orde do día da reunión

Na sesión tamén se analizaron diversos asuntos relacionados coa xestión e programación da entidade, entre eles a conta xeral do exercicio 2024, a contratación de Roberto González-Monjas como director musical da Orquestra Sinfónica de Galicia, así como cuestións relativas ao alugueiro de instrumentos musicais e mobiliario necesarios para o funcionamento do Consorcio.

Comparte