Nova: A Xunta impulsará a creación dixital no encontro de artistas novos coa incorporación de Chus Martínez

07/11/2025

A Xunta impulsará a creación dixital no encontro de artistas novos coa incorporación de Chus Martínez

Tras quince edicións, a iniciativa abre unha nova etapa na que se procurará unha maior conexión co Centro de Artes Dixitais que se está a construír no Gaiás

Comisaria, xestora e crítica cultural, Chus Martínez Domínguez será a nova directora dunha cita pola que teñen pasado xa novecentos artistas emerxentes

Cultura gaba o traballo de Rafael Doctor, á fronte do EAN desde a súa primeira convocatoria no 2011 e figura clave na súa consolidación na escena nacional

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025

A Xunta de Galicia apostará por impulsar a creación dixital a través do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia coa incorporación de Chus Martínez Domínguez, que relevará a Rafael Doctor á fronte desta iniciativa para procurar unha maior conexión co Centro de Artes Dixitais que se está a construír no Gaiás e que entrará en funcionamento no vindeiro ano.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incorpora a Chus Martínez Domínguez (Tui, 1976) para dirixir o proxecto nesta nova etapa. Chus Martínez, comisaria de exposicións, xestora cultural e crítica de arte en prestixiosas publicacións galegas e nacionais, conta cunha ampla experiencia en proxectos culturais en institucións como o Museo Marco de Vigo, o CGAC ou a Cidade da Cultura de Galicia e en iniciativas que unen a creación e a tecnoloxía, como o desenvolvemento do Espazo Documental no CGAC, arquivo dixital de artistas galegos.

Referencia da creación contemporánea

Con quince convocatorias, o EAN representa unha das actividades máis consolidadas da Cidade da Cultura. Desde o seu inicio mantívose fiel á vontade de converterse nun espazo de convivencia entre artistas emerxentes e creadores cunha traxectoria recoñecida. Nel, os participantes atopan tamén unha plataforma que dá visibilidade ás súas propostas, así como oportunidades para facer realidade iniciativas súas a través de intervencións nas Torres Hejduk.

Tras esta primeira etapa, desde a Consellería de Cultura agradécese o traballo feito por Rafael Doctor ata o momento cun papel imprescindible para converter o Encontro de Artistas Novos nunha cita de referencia no panorama da creación artística contemporánea en España. Proba disto é que, desde o seu inicio ata a edición celebrada este verán, preto de novecentas persoas participaron nalgunha das súas convocatorias.

Comparte