Nova: López Campos pon en valor as vantaxes da adaptación da Lei de patrimonio cultural ao permitir axilizar trámites e garantir unha protección máis eficaz

07/11/2025

López Campos pon en valor as vantaxes da adaptación da Lei de patrimonio cultural ao permitir axilizar trámites e garantir unha protección máis eficaz

O titular de Cultura salienta que o obxectivo destas modificacións recollidas na Lei de acompañamento aos Orzamentos é desburocratizar os procedementos e reducir así os tempos de espera por parte da cidadanía e as institucións

Traslada aos rexedores a proposta de suprimir a autorización por parte do Goberno galego en determinadas cuestións que poderán ser resoltas polos concellos

“Damos resposta ás necesidades da cidadanía e das administracións, pero sen rebaixar en ningún caso o rigoroso coidado do noso legado”

O conselleiro rematará a vindeira semana en Pontevedra os encontros explicativos no territorio e de primeira man para reforzar a colaboración institucional

Lugo, 7 de novembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse hoxe cos rexedores da provincia de Lugo dentro da rolda de contactos para informar sobre as modificacións previstas na Lei de acompañamento dos Orzamentos para a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, e cuxas vantaxes xa trasladou esta mesma semana aos alcaldes de Ourense e da Coruña e fará o mesmo cos de Pontevedra os vindeiros días. Trátase duns cambios cos que o Executivo autonómico busca adaptar o texto á actual realidade para “axilizar trámites e garantir unha protección máis eficaz do noso patrimonio cultural”.

Neste senso, o responsable autonómico de Cultura, acompañado polo delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, trasladoulles aos rexedores que a modificación ten como obxectivo “desburocratizar procedementos para reducir tempos de espera por parte da cidadanía e das institucións”.

Precisamente, López Campos explicoulles que  Xunta de Galicia é a única administración autonómica que actualmente informa dos bens de todo o territorio e con independencia de cal sexa o seu grao de protección.  Polo tanto, advertiu que esta situación se traduce en que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xestiona cada ano máis de 30.000 expedientes cun tempo de espera aproximado de entre seis e 12 meses, dependendo da provincia, a tipoloxía ou a afectación do elemento.

“Estes longos tempos de espera son un problema á hora de levar a cabo determinados proxectos”, recoñeceulles o conselleiro. Ante esta situación, e co fin de buscar unha solución, López Campos informoulles de que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude avoga por suprimir a necesidade de autorización por parte da Administración autonómica en determinadas cuestións que poderán ser resoltas polos propios concellos. “Damos resposta ás necesidades e demandas da cidadanía e das administracións, pero sen rebaixar en ningún caso o rigoroso  coidado do noso legado”, aseverou.

Neste senso, tal e como precisou, as entidades locais poderán, xunto co procedemento de concesión de licenza, autorizar intervencións en aqueles elementos que conten con protección estrutural e ambiental ou en Bens de Interese Cultural e catalogados ao tratarse de obras menores como limpeza de fachadas, cambios de pavimento ou reparación de vías. Así mesmo, mediante esta proposta os concellos tamén poderán informar sobre obras no ámbito dos Camiños de Santiago catalogados (Inglés, Portugués, Fisterra-Muxía, Vía da Prata e Inverno) que non afecten á traza, parcelas lindeiras e elementos funcionais, de todas as que se leven a cabo nos municipios de máis de 50.000 habitantes e das que se pretendan realizar no resto do territorio histórico.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pola súa parte, manterá as competencias para autorizar actuacións nos elementos máis singulares ou que precisan a intervención dun persoal técnico con coñecementos máis específicos. É o caso, por exemplo, de obras en Bens de Interese Cultural, nos elementos con protección integral, nos Camiños de Santiago declarados BIC (Francés e Norte) ou no patrimonio artístico, arqueolóxico ou naquel que sexa propiedade da igrexa.

No ámbito forestal, a lexislación tamén prevé cambios ao introducir a figura de declaración responsable para as cortas de arboredo en bens con protección estrutural e ambiental, así como no seu contorno de protección e zona de amortecemento, ou para as que se realicen no territorio histórico dos Camiños de Santiago catalogados a partir dos 3 metros a ambos lados da traza. Neste marco, cómpre aclarar que se elimina a necesidade de permiso para os traballos de silvicultura feitos por medios manuais ou para as tarefas feitas con maquinaria lixeira, sempre e cando se faga despois de balizar.

Comparte