Nova: Anxo M. Lorenzo convida a “repensar o cotián da man de Eugenio Granell”
06/11/2025
Anxo M. Lorenzo convida a “repensar o cotián da man de Eugenio Granell”
O Museo Etnolóxico de Ribadavia acolle esta mostra inspirada na figura do surrealista coruñés que explora a relación do artista co mundo material, a memoria e a creatividade
O representante da Consellería de Cultura destaca a colaboración entre entidades nesta proposta que se poderá visitar ata o 28 de febreiro
Ribadavia (Ourense), 6 de novembro de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición Surrealismos cotiáns. Unha lectura das coleccións inspirda por Eugenio Granell, onde destacou a figura de Eugenio Granell “para convidarnos a repensar o cotián desde a estrañeza”. Trátase dunha proposta que se poderá visitar no Museo Etnolóxico de Ribadavia ata o vindeiro 28 de febreiro e que toma a figura do artista coruñés como punto de partida para repensar a súa relación co mundo material, a memoria e a creatividade.
No acto de apertura, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, fixo fincapé na colaboración entre entidades que permitiu que a mostra recolla máis de setenta pezas pertencentes á colección do Museo que se combinan con obxectos procedentes da Fundación Granell. “A suma de vontades de diferentes institucións é a que fai posible que hoxe podamos mergullarnos no legado de Eugenio Granell desde este espazo xestionado pola Xunta en Ribadavia”, apuntou.
Tal e como explicou Anxo M. Lorenzo, a exposición celebra o poder da poesía visual e da imaxinación a través de recursos creativos como a exploración do subconsciente, o uso do absurdo, o poder da palabra, a intervención creativa sobre os obxectos e as relacións entre arte e antropoloxía.
Cómpre destacar que Eugenio Granell, nado na Coruña en 1912, é considerado o último surrealista español. Tras a Guerra Civil exiliouse, viviu primeiro en Sudamérica e logo en Estados Unidos, e volveu a España en 1985. Granell é un representante significativo desta disciplina creativa, no que se introduciu a través de André Breton. A súa produción artística abarca a pintura, escultura, debuxo, poesía e o ensaio. A Xunta de Galicia concedeulle, a título póstumo, a Medalla de Ouro de Galicia 2001, pola súa traxectoria no mundo das artes.
