Nova: López Campos salienta a relevancia da pegada académica e sociocultural para Galicia que Ángel Luis Hueso traza no seu libro ‘Retallos de cine’
06/11/2025
López Campos salienta a relevancia da pegada académica e sociocultural para Galicia que Ángel Luis Hueso traza no seu libro ‘Retallos de cine’
O volume recolle medio século de evolución do ensino e dinamización cinematográfica a través da traxectoria vital e profesional do profesor, con especial dedicación á época na que impartiu Historia do Cine na universidade compostelá
A Xunta colabora con Teófilo Edicións na publicación da versión en galego do que constitúe un valioso testemuño da actividade desenvolvida entre 1965 e 2015
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe a relevancia da pegada académica e sociocultural deixada en Galicia por Ángel Luis Hueso, profesor de Historia do Cine durante máis de catro décadas na Universidade de Santiago de Compostela e impulsor de numerosas iniciativas precursoras na divulgación e avance do coñecemento audiovisual na nosa Comunidade.
O representante do Goberno galego fixo estas declaracións no acto de presentación do libro Retallos de cine. 50 anos de cine e Compostela 1965-2015, publicado por Teófilo Edicións coa colaboración da Xunta para a versión en galego, no que que o propio Hueso Montón recolle e reflicte en primeira persoa a súa ampla traxectoria vital e profesional como docente, historiador, articulista e axente dinamizador sempre arredor do cinema.
Ao longo de case que 200 páxinas con fotografías, o volume constitúe un valioso testemuño do devir do ensino cinematográfico universitario en Galicia, e recolle momentos tan sinalados como a posta en marcha da Aula de Cine da USC, o proxecto para unha Escola de Cine, cursos monográficos, colaboracións xornalísticas e iniciativas conxuntas con centros culturais, entidades financeiras e outras universidades, así como a listaxe do centenar de teses de doutoramento ou de licenciatura dirixidas ou valoradas.
Galicia e o cine como obxecto de estudo
“Polas aulas do profesor Hueso pasaron moitos dos nomes que, no futuro, desempeñarían un papel destacado no desenvolvemento do sector audiovisual en Galicia, xa fora como historiadores, docentes, creadores, xestores ou programadores. Unha parte significativa das case 50 teses de doutoramento e licenciatura que dirixiu centráronse en aspectos vinculados co noso país, un obxectivo que el mesmo se marcou desde a súa chegada a Compostela”, expresa tamén López Campos no prólogo do libro.
O acto tivo lugar no paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia e, ademais do conselleiro e do propio autor, participaron nel Fernando Méndez-Leite, presidente da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España; Lucía Veiga, presidenta da Academia Galega do Audiovisual, e o editor José Luis Teófilo. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu tamén a esta presentación, que congregou numerosas amizades e profesionais do sector que quixeron renderlle tributo a Ángel Luis Hueso coa súa presenza.
