Nova: A Xunta celebra o décimo aniversario da apertura da sede expositiva do Museo das Peregrinacións con obradoiros, música e danza durante a fin de semana

06/11/2025

A Xunta celebra o décimo aniversario da apertura da sede expositiva do Museo das Peregrinacións con obradoiros, música e danza durante a fin de semana

López Campos salienta o papel que desenvolve na Rede museística de Galicia co “pulo de contar cunha edificio carismático”, remodelado por Gallego Jorreto

As actividades serán de balde e abranguen un taller de vidraría artística e repostaría, xunto con actuacións musicais e un espectáculo de danzas do mundo

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2025

A Xunta celebrará esta fin de semana obradoiros, concertos e un espectáculo de danzas do mundo no Museo das Peregrinacións e de Santiago para conmemorar o décimo aniversario da apertura, na compostelá Praza das Praterías, da súa sede expositiva. Así o deu a coñecer hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na presentación do programa conmemorativo, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

O representante do Goberno galego salientou o “relevante papel” que ten desenvolvido este espazo na Rede museística de Galicia “e no que contribuíu dispor deste amplo e carismático espazo”. Ao respecto, puxo en valor “a pegada e o selo propio” que supuxo contar co prestixio arquitecto Manuel Gallego Jorreto na remodelación do edificio para acondicionalo a este novo uso.

“Un museo dedicado ao crisol das culturas vencelladas á peregrinación merecía estar situado no corazón de Santiago e contar cunha sede como esta”, aseverou López Campos, quen incidiu no “importante pulo” que supuxo para a programación destas instalacións dispor deste edificio “nun enclave privilexiado”, subliñou.

Música, danza e obradoiros

Por estes motivos, considerou que esta década era un “aniversario a festexar e celebrar con toda a cidadanía” polo que, desde a Consellería de Cultura, se apostou por un “programa diverso e aberto a todos os públicos, para recoller a mesma esencia e cerna do museo”. Deste xeito, todas as actividades serán de balde, aínda que algunhas requirirán inscrición previa para poder participar.

En concreto, o conselleiro avanzou que a programación do sábado, día 8, botará a andar ás 10,30 horas coa artesá Cristina Molares, quen desenvolverá un obradoiro de demostración de vidraría artística. Pola tarde, será a quenda de concertos musicais nas propias salas do museo para os que non será necesario inscribirse. A primeira das actuacións será a de Álex Salgueiro, ao clavicordio; á que lle seguirá Eloi Pérez cun repertorio de melodías celtas interpretadas con gaita irlandesa, e que rematará Juan Collado, un dos fundadores do grupo Odaiko Percussión, cun concerto de vibráfono.

En canto ás actividades do domingo, día 9, López Campos informou de que arrancarán cun obradoiro de repostaría co que se poderá percorrer “os sabores do Camiño a través dos doces típicos dos lugares por onde transcorre” e remataranse os festexos cun espectáculo de danzas do mundo, “culminando así cunha das demostracións que máis enriquecen o patrimonio inmaterial de calquera cultura”, celebrou o conselleiro.

Comparte