Nova: A Xunta impulsa no Gaiás un foro de arte e cultura dixital con figuras de referencia internacional

25/10/2025

A Xunta impulsa no Gaiás un foro de arte e cultura dixital con figuras de referencia internacional

O encontro congregará en novembro na Cidade da Cultura a creadores, empresas, institucións e festivais líderes neste eido, con máis dunha vintena de relatores e propostas artísticas procedentes de España, Portugal, Italia, Francia, ou O Xapón

Trátase dunha cita pioneira con vocación de afondar, desde Galicia, nos desafíos e oportunidades que afectan ás industrias culturais nun contexto onde as artes dixitais se erixen como foco global de innovación e cambio

Encádrase na aposta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude por un sector emerxente no que o Gaiás aspira a situarse na vangarda co Centro de Artes Dixitais, que prevé a súa posta en marcha no segundo semestre de 2026

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2025

A Cidade da Cultura acollerá en novembro a primeira edición de Sinte. Foro internacional de arte e cultura dixital, un encontro que nace co obxectivo de abrir un espazo de reflexión e diálogo ao redor dos retos e oportunidades da creación dixital contemporánea. Impulsado pola Xunta de Galicia, Sinte reunirá en Santiago algunhas das voces máis recoñecidas do momento neste ámbito, desde artistas, a estudios, especialistas en xestión cultural ou representantes de espazos dedicados á exhibición e á creación.

O 20 e 21 de novembro, máis dunha vintena de figuras da escena nacional e internacional —de países como Francia, Italia, Portugal ou O Xapón—achegarán ao Gaiás a súa experiencia nun foro que, ademais de conversas e relatorios, incluirá espazos para experimentar en primeira persoa propostas artísticas innovadoras neste eido. Así, poderá verse por vez primeira en Galicia Materia, un dos espectáculos con visuais en directo do artista bretón Maotik, que fusiona arte e ciencia nunha peza onde as imaxes xerativas e o deseño de son se sincronizan e manipulan ao vivo evocando as transición dun estado a outro da materia.

Ademais, Sinte programará unha dobre función do coreógrafo e bailarín xaponés Hiroaki Umeda, unha das principais figuras da escena de vangarda no país nipón cun traballo que encarna maxistralmente a fusión entre danza, movemento e novas tecnoloxías. Desde 2002, Hiroaki Umeda levou as súas propostas a máis de 150 cidades de 40 países, incluíndo representacións no emblemático Teatro Nacional Chaillot de París.

Procesos creativos e desafíos dos espazos culturais

O programa inclúe dúas conferencias mestras para afondar nos desafíos aos que se enfrontan tanto os artistas e estudios como as institucións e centros de exhibición, nun momento onde as transformacións tecnolóxicas, os algoritmos e os espazos híbridos están a mudar o paradigma da creación cultural. Así, Sinte arrincará cunha conferencia plenaria de Bani Brusadin, comisario de programación de Medialab Matadero, centro de cultura dixital e participativa que destaca por ser unha das institucións máis dinámicas e innovadoras de España neste ámbito.

Pola súa banda, o estudio italiano fuse* —axente imprescindible na escena internacional da arte dixital hoxe en día— compartirá co público o proceso creativo dunha das súas pezas máis emblemáticas: Onírica (). Trátase dunha instalación audiovisual que explora a dimensión dos soños mediante algoritmos capaces de traducir a imaxes os relatos das visións nocturnas de preto de 30.000 persoas, afondando así no uso expresivo dos modelos xerativos, intelixencias artificiais e algoritmos.

Destacadas voces da creación dixital

Completan o programa cinco conversas e mesas redondas con relatores como o artista sonoro e comisario portugués, Luís Fernades, que ademais de traballar no eido da música electrónica experimental é o director do Festival Semibreve e do Gnration, espazo cultural situado en Braga e activo polo de creación e exhibición nos ámbitos da música e das artes contemporáneas, así como da relación entre arte e tecnoloxía.

Artistas como a produtora musical, DJ e directora creativa galega Cora Novoa ou a artista electrónica e programadora creativa Mónica Rikic, Premio Nacional de Cultura de Cataluña en 2021, súmanse a representantes e fundadores de destacados estudios creativos e empresas, como Avestudio, Vitamin, EspadaySantacruz, Trison ou Maxina, para amosarnos unha ampla visión completa dun sector complexo e diverso.

Centro de artes dixitais

Sinte encádrase na aposta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude polas artes dixitais, sector emerxente e punteiro, ademais de importante motor económico, no que o Gaiás aspira a situarse na vangarda coa construción do Centro de Artes Dixitais. Esta instalación, que remata as súas obras este mesmo ano e prevé a súa posta en funcionamento no segundo semestre de 2026, proponse converter a Cidade da Cultura en punteiro banco de experimentación con tecnoloxías e plataformas presentes e futuras, xerando oportunidades para a innovación disrutiva no eido cultural.

A inscrición ao foro é de balde, con reserva de praza a través da web da Cidade da Cultura.

Comparte