Nova: A Xunta salienta os ‘atributos especiais e únicos’ da Ribeira Sacra para acadar ser Patrimonio Mundial
24/10/2025
A Xunta salienta os ‘atributos especiais e únicos’ da Ribeira Sacra para acadar ser Patrimonio Mundial
Ángel Miramontes enxalza o “valor excepcional” da candidatura que abrangue 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense
O representante incide nas “boas sensacións” recollidas en todo o proceso que “fan confiar en que non decepcione” e que leven á consecución desta distinción en 2026
Salienta a importancia da visita ao territorio de consultores da Unesco, realizada a principios de outubro, dentro dos pasos establecidos neste tramo final
Destaca o esforzo por parte do Goberno galego nestes concellos con preto de 8 M€ para a posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais durante estes últimos anos
Roma (Italia), 24 de outubro de 2025
O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, salientou hoxe os “atributos especiais e únicos” que posúe a Ribeira Sacra que “a fan xusta merecedora de ser recoñecida como Patrimonio Mundial pola Unesco”. Así o defendeu na súa participación no Consello de Patrimonio Histórico, que se está a desenvolver estes días en Roma.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enxalzou o “valor excepcional” que reúne a candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga, que abrangue 26 concellos das provincias de Lugo e Pontevedra. Ao respecto, incidiu en que presenta unha paisaxe construída co uso da auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”. En concreto, fixo referencia desde os canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante patrimonio hidráulico que atesoura.
Por estes motivos, o responsable de Patrimonio da Xunta asegurou que nesta recta final da candidatura o Goberno galego ten “boas sensacións” tanto polas que foron recollidas en todo o proceso, “co que cumprimos rigorosamente cos tempos, trámites e documentación”, aclarou, “como pola última visita ao territorio que realizaron consultores da Unesco a principios de outubro”.
Neste contexto, director xeral de Patrimonio Cultural remarcou que se conta cunha candidatura “madura e sólida” que fai encarar este último tramo con “optimismo” e “confiar en que non decepcione” para acadar esta distinción en 2026. No entanto, advertiu de que todos os pasos a dar neste intre son “claves” de cara á decisión definitiva deste organismo no segundo semestre do vindeiro ano. “O camiño que nos queda é crucial e precisamos da colaboración e do empurre de todos”, subliñou. Ao respecto, quixo agradecer o “apoio en todo momento” tanto do Ministerio de Cultura como tamén da comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións dos 26 concellos de Lugo e Ourense que integran a candidatura.
De igual xeito, Miramontes tamén salientou o “esforzo e traballo sen descanso” por parte da Xunta para fornecer Ribeira Sacra: Paisaxe da auga. Así, sinalou os preto de 8 M€ que a Administración autonómica ten investido na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo nestes últimos anos.
Desta forma, ao longo deste período, o Goberno galego executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. “Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido e aínda o vai ser máis cando academos este merecido recoñecemento internacional”, concluíu.
