Nova: A Xunta celebra o Día das Bibliotecas cun amplo abano de actividades nos seus equipamentos

23/10/2025

A Xunta celebra o Día das Bibliotecas cun amplo abano de actividades nos seus equipamentos

Con motivo desta efeméride, o Goberno galego reforza a actividade habitual destes centros con propostas, para público infantil e adulto, que van desde visitas guiadas a funcións teatrais, contacontos ou exposicións

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia celebra este venres, día 24 de outubro, o Día das Bibliotecas cunha ampla programación nos sete equipamentos públicos que xestiona directamente e que se localizan na cidade da Coruña, en Santiago de Compostela, en Pontevedra, en Vigo, en Ourense e en Lugo, así como nas rutas de A Furgoteca.

Así, co gallo desta efeméride, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en valor o papel destes equipamentos no fomento dos hábitos lectores da cidadanía e tamén como puntos de encontro esenciais para a dinamización cultural. Neste senso, todas as bibliotecas manteñen durante o ano un programa estable con propostas destinadas tanto a público adulto como infantil e cunha aposta pola diversidade de actividades para todos os intereses na liña da Lei inclusiva e accesible de Galicia, que ten como obxectivo eliminar todo tipo de barreiras e achegar a acción cultural a toda a sociedade.

De feito, cómpre lembrar, que durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, os centros da Rede de Bibliotecas Públicas que coordina a Xunta foron un dos focos nos que se desenvolveron numerosas propostas da campaña estival Para gustos, cultura, ofrecendo obradoiros, distintos espectáculos, exposicións, campamentos e accións de animación á lectura, entre as que destaca o programa Ler conta moito.

Biblioteca Miguel González Garcés

Para conmemorar esta data, a Biblioteca Pública da Coruña programou para mañá, venres, ás 18,00 horas, a sesión de contacontos Contamaxias: maxia divertida a cargo do Mago Paco. Está dirixida ao público familiar, a partir de tres anos, e pódese acceder de balde ata completar a capacidade. Xa no sábado, ás 12,00 horas, a cativada e as familias poderán gozar do espectáculo musical Ondamini con Mamá Cabra. Ademais, tamén haberá agasallos de libros para o público infantil.

Biblioteca de Galicia e Biblioteca Ánxel Casal

En Santiago de Compostela, a actividade concéntrase nos dous centros de titularidade da Xunta. Así, na biblioteca do Gaiás terá lugar a súa habitual xornada de portas abertas que cada ano por esta data permite visitar espazos que normalmente teñen o acceso restrinxido. Será mañá, ás 12,00 horas, para un máximo de 20 persoas que deberán inscribirse a través do enderezo electrónico bibliotecadegalicia@xunta.gal.

Ademais do agasallo de libros, a esta proposta súmase a obra de teatro infantil de monicreques A biblioteca galáctica contra a IA fantástica, que da man de Tanxarina Títeres terá lugar o sábado ás 18,00 horas cunha capacidade para 120 persoas. A asistencia require inscrición na web da Cidade da Cultura.

A Biblioteca de Galicia tamén inaugurou esta semana a exposición coa que celebra cada ano a efeméride, nesta ocasión co título Contando películas: a evolución do espectáculo cinematográfico en Galicia.

Pola súa banda, a Biblioteca Pública Ánxel Casal tamén agasallará mañá con libros ás persoas que máis préstamos acadaron este ano e abrirá as súas instalacións cunha visita guiada, ás 12,00 horas, previa retirada de convite no propio centro desde media hora antes. A estas accións engádense dous espectáculos: o venres, ás 17,30 horas, actuará Paco Nogueiras coa función Conto contigo, e o sábado, ás 12,00 horas, Brais das Hortas e Peter Punk ofrecerán o Concerto PunkInfantil. Os dous están enfocados no público infantil e teñen entrada de balde ata completar a capacidade da sala.

Biblioteca Antonio Odriozola

A Biblioteca Pública de Pontevedra súmase á celebración cun obradoiro que organiza mañá a compañía Comité Secreto baixo o título Papalibros e no que os nenos e nenas, a partir de catro anos, crearán pequenas obras artísticas con follas de libros vellos para completar un mural. Será ás 18,00 horas, cun límite de 15 prazas e con inscrición previa na web do centro.

Ademais, desde hai días e ata o 31 de outubro, mantense activa a actividade participativa A biblioteca que imaxinas, que se centra en deixar ideas para a biblioteca do futuro conformando un gran mural.

Biblioteca Juan Compañel

En Vigo, a Biblioteca Juan Compañel tamén se une ás visitas guiadas ao centro, convocando un percorrido ás 12,30 horas e outro ás 18,00 horas. Tamén ten preparada para mañá, ás 18,00 horas, unha sesión de contacontos, O baúl dos soños, para público a partir de tres anos a cargo de La compañía espectacular!. No sábado, a cita será ás 12,00 horas para gozar de novo dun contacontos infantil, neste caso baixo o título de Spinderella e coa Academia Bastón.

Cómpre lembrar que o espazo mantén abertas ata finais de mes dúas exposicións bibliográficas: Palabra de biblioteca. Pregóns e carteis do Día das Bibliotecas e Bibliotecas na literatura infantil, que recolle obras de literatura infantil e xuvenil con bibliotecas e bibliotecarios como partes protagonistas.

Biblioteca Nós

Pola súa parte, a Biblioteca Pública de Ourense organiza mañá rutas pola cidade con motivo desta celebración. Deste xeito, o público pode visitar a parte antiga e percorrer a urbe tras os pasos de Blanco Amor, descubrindo Ourense a través das páxinas da obra A Esmorga. Con 20 prazas, precísase inscrición chamando ao teléfono do centro.

Mentres, o sábado o protagonismo será para a cativada, cun xogo preparado para combinar as letras da palabra Biblioteca, con Sabela Gago. Unha actividade de animación á lectura con 15 prazas para nenos e nenas de sete a 12 anos e que terá lugar ás 12,00 horas, previa inscrición.

Biblioteca Pública de Lugo

A veciñanza de Lugo poderá participar durante a xornada do venres de visitas guiadas, ás 12,00 e ás 18,00 horas, con especial atención á colección histórica e á plataforma de préstamo dixital GaliciaLe.

Por outro lado, Caramuxo Teatro ofrece o espectáculo Feo, inspirado na obra El Patito Feo, en pequeno formato para rapazada a partir de tres anos e con entrada libre ata completar capacidade. Ademais, ás 20,00 horas o coro segrar de canto gregoriano Schola Gregoriana Lucensis ofrecerá un concerto cun repertorio de pezas antigas para público xeral e con acceso libre.

A Furgoteca

A este programa hai que engadir as propostas de A Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia que achega actividade cultural a 30 municipios das provincias de Lugo e Ourense.

Na xornada deste 24 de outubro as paradas serán en Baleira (Lugo) co obradoiro creativo Marcapáxinas da gatiña, mentres que o sábado en Verea (Ourense) desenvolverase o Escape Room Os misterios da biblioteca.

Comparte