Nova: Manuel Pardo salienta o esforzo da Xunta na conservación do patrimonio cultural e arqueolóxico da provincia de Ourense

23/10/2025
Manuel Pardo salienta o esforzo da Xunta na conservación do patrimonio cultural e arqueolóxico da provincia de Ourense
O delegado territorial subliñou que a Xunta de Galicia, ao abeiro do Plan catedrais de Galicia, destinará o vindeiro ano 2026 2,8 M€ para levar a cabo actuacións de restauración na Catedral de San Martiño de Ourense
Manuel Pardo destacou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude investiu preto de 260.000€ no Plan de intervencións arqueolóxicas 2025 de na provincia de Ourense
Tamén explicou que neste xacemento castrexo estanse a desenvolver traballos de investigación e documentación dunha área aproximada duns 60 m2
O representante do Goberno recalcou que “o patrimonio é unha oportunidade para todos, para o seu aproveitamento cultural, a súa proxección exterior e para fortalecer a marca de país”
Ourense, 23 de outubro de 2025
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, supervisou esta mañá en Lobios, acompañado da alcaldesa, María del Carmen Yáñez, os traballos arqueolóxicos levados a cabo na Fraga Raxada, aos que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinou máis de 18.000 euros. Unha actuación que, segundo explicou o delegado territorial, forma parte das intervencións arqueolóxicas que para o ano 2025 promove a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a través do seu servizo de Arqueoloxía, destinadas ao coñecemento, conservación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico de Galicia.
O delegado territorial explicou que neste xacemento castrexo estanse a desenvolver traballos de investigación e documentación dunha área aproximada duns 60 m2 coa finalidade de ampliar a escavación na zona da torre e caracterizar axeitadamente a totalidade dos recintos e estruturas documentadas na campaña anterior. Tamén se levará cabo o levantamento topográfico xeorreferenciado, mediante fotogrametría 3D e un estudo pormenorizado dos materiais arqueolóxicos mobles recuperados, o tratamento dos mesmos e o depósito no museo correspondente.
Aproveitando a súa visita, Manuel Pardo destacou o esforzo inversor da Consellería de Cultura Lingua e Xuventude na provincia de Ourense; “proba disto -resaltou o delegado territorial- son os 2,8 M€ contemplados nos orzamentos de 2026 para levar a cabo actuacións de restauración na Catedral de San Martiño de Ourense que, ao abeiro do Plan catedrais de Galicia, eleva o investimento total feito neste ben ata os 6,3 M€ desde o ano 2009”.
Nesta liña tamén subliñou que as intervencións que se van a levar a cabo na basílica ourensá, correspóndense coa liña de traballo do Goberno galego destinada a garantir que os bens máis senlleiros da Comunidade estean nas mellores condicións de conservación e mantemento, concretamente con aqueles bens vencellados ao Camiño de Santiago.
O representante do Goberno puxo en valor “a importancia de conservar e poñer en valor o noso patrimonio cultural que é un dos principais sinais que procuran identidade de pobo”. “O patrimonio é unha oportunidade para todos, para o seu aproveitamento cultural, a súa proxección exterior e para fortalecer a marca de país”; concluíu.
Intervencións arqueolóxicas
Na provincia de Ourense, con quince accións, o Goberno galego colabora cos concellos na recuperación patrimonial da Cibdá de Armea en Allariz, nos traballos de valoración no Castelo de Cabreira e no xacemento do Bouzadoiro en Verín, na posta en valor do antigo mosteiro de San Xoán de Camba en Castro Caldelas, e do patrimonio cultural do concello dos Blancos; na restauración do Foso do Lobo de Requiás, en Muíños; e nas actuacións arqueolóxicas no Castro de Lobarzán en Oímbra e Monterrei, e no Campo de Ourique en Baltar.
A estes proxectos, súmanse en Avión os traballos de escavación e conservación previstos no Castro de San Vicenzo; en Beariz, a escavación e consolidación artellada sobre o Castro de Garfián; en Boborás, a actuación contemplada no Castro de Cameixa; a investigación arqueolóxica na Fraga Raxada en Lobios; a continuación dos traballos arqueolóxicos no Castelo da Picohna , en Calvos de Randín; a consolidación e restauración da muralla do Castro de Castromao en Celanova.
Ademais, levaranse a cabo a limpeza e roza de vexetación nos castelos da Limia, titularidade da Xunta, un conxunto composto pola Torre do Castro, no concello de Sandiás, o Castelo da Pena, en Xinzo de Limia, e a Torre de Firbeda, en Porqueira; e nas capelas medievais da Ribeira Sacra, que abarcan as provincias de Ourense e Lugo.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude investiu preto de 260.000€ no Plan de intervencións arqueolóxicas 2025 de na provincia de Ourense.
A Fraga Raxada
O xacemento altomedieval da Fraga Raxada, sitúase na parroquia de A Cela, Lobios. Trátase dun tipo de asentamento, ata hoxe pouco estudado, propio da Alta e Plena Idade Media, caracterizado por construcións de marcada rusticidade adaptadas á propia orografía granítica do terreo. A súa singularidade aumenta coa presenza dunha fortificación de fundación e nome incertos. Ambos, torre e aldea, por agora ausentes nas fontes.
A tradición oral sitúa no cumio máis elevado da Fraga Raxada a chamada “Casa dos Mouros”, que os veciños de A Cela identifican cos restos dunha antiga torre cun amplo dominio visual sobre os vales do Salas, Limia e Arauxo.