Nova: O 35º Festival de Jazz de Lugo reúne grandes figuras internacionais e unha ampla representación do talento galego co apoio da Xunta

23/10/2025
O 35º Festival de Jazz de Lugo reúne grandes figuras internacionais e unha ampla representación do talento galego co apoio da Xunta
Figuras de referencia como Chucho Valdés, Victor Wooten, Fred Hersch, Vincent Peirani ou Yumi Ito tocarán na capital lucense do 1 ao 15 de novembro
As seis bandas galegas en cartel exemplifican a forza e diversidade do jazz feito en Galicia, con propostas que van da fusión contemporánea ao acústico máis clásico
Lugo, 23 de outubro de 2025
O Festival de Jazz de Lugo celebra a súa 35ª edición do 1 ao 15 de novembro cun cartel que reafirma a súa vocación internacional e o seu compromiso coa creación galega. Ao longo de 15 días, a cidade acollerá 24 actuacións en espazos como o Círculo das Artes, o Auditorio Fuxan os Ventos, a Casa do Saber da USC, o Conservatorio Xoán Montes e o Club Clavicémbalo, consolidando un programa que volve contar co apoio económico da Xunta de Galicia para situar o jazz como punto de encontro entre xeracións, estilos e culturas.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou hoxe a organización do Jazz Lugo, a cargo da Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, na presentación da programación de 2025, na que tamén estivo o delegado territorial da Xunta, Javier Arias.
No acto desenvolvido no devandito Círculo das Artes, Sutil destacou o valor desta traxectoria de 35 anos de “compromiso coa música en directo” e subliñou que o apoio do Goberno galego a este encontro responde ao obxectivo de “reforzar nel a presenza do jazz galego e de favorecer o seu diálogo artístico con figuras internacionais”.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude felicitou a organización pola que definiu como “programación referente” no circuíto estatal deste xénero, reunindo na cidade lucense bandas históricas e artistas que forman o presente e futuro do jazz.
O festival arrancará o venres 1 de novembro ás 22,30 horas no Clavicémbalo co concerto de Beater Jazz Collective, formación galega integrada por músicos con máis de 20 anos de experiencia. A banda brinda unha selección de composicións indispensables do jazz, revisitando os clásicos da era “cool” e “hard bop” desde o respecto ás fontes orixinais.
Esta será a primeira das seis formacións que dan conta da diversidade estilística e o dinamismo do jazz feito en Galicia no marco desta programación. Así, o trompetista coruñés Ricardo Formoso presentará Electric Rebound, un proxecto que combina jazz eléctrico e experimentación harmónica. Pasarán tamén por Jazz Lugo o Seada Quartet, integrado por algúns prometedores nomes da escena galega; Kike López Septeto, cunha proposta inspirada en ritmos latinos, flamencos ou mesmo funk; e Wealman, coa súa mestura de jazz, rock, funk e electrónica. Por último, a Xove Orquestra de Lugo Terra Nova, baixo a dirección de Josep-Manel Vega, reforzará a participación local cun concerto especial no Conservatorio Xoán Montes.
Estas propostas conviven no cartel con músicos de Estados Unidos, Cuba, Francia, Suíza, Noruega, Polonia, Italia, Guinea e Países Baixos, así como do resto de España, consolidando un programa no que as voces galegas dialogan directamente con figuras de prestixio internacional.
Referentes mundiais
Entre esta escolma de artistas de renome mundial, destacan a lenda do jazz latino Chucho Valdés e o seu Royal Quartet; os estadounidenses Victor Wooten & The Wooten Brothers, referente do baixo eléctrico e do jazz-fusión, e Fred Hersch Trio, de gran influencia para as novas xeracións de pianistas; o cubano Harold López-Nussa, quen presentará o seu traballo Nueva timba xunto ao suízo Grégoire Maret, ou o acordeonista francés Vincent Peirani, recoñecido polo seu enfoque innovador.
Tamén visitarán Lugo as cantantes Jazzmeia Horn, herdeira das grandes intérpretes clásicas do xénero, e Yumi Ito, quen combina o jazz coa música de cámara e o pop experimental, así como Pocket Corner, histórica formación escandinava de free-jazz, e March Mallow, proposta francesa que recupera a sonoridade dos anos 50.
O programa inclúe, así mesmo, unha ampla selección do ámbito estatal, con Alba Armengou Trío, Astrid Jones & The Blue Flaps, Roberto Nieva Quartet, Álex Conde Trío, Deborah J. Carter, Los Hot Chocolates, Gilipojazz e Arturo Pueyo Quartet, completando un mosaico sonoro que vai do jazz acústico á fusión contemporánea.