Nova: Belén do Campo anuncia a licitación do retablo maior da igrexa de Santiago Apóstol de Padrón cun orzamento de preto de 100.000 euros

23/10/2025

Belén do Campo anuncia a licitación do retablo maior da igrexa de Santiago Apóstol de Padrón cun orzamento de preto de 100.000 euros

A delegada da Xunta explicou que a actuación contempla unha intervención integral que abranguerá todos os elementos do retablo, para asegurar a súa estabilidade, recuperar o seu aspecto orixinal e preservar a autenticidade do conxunto

Con esta intervención, desde o Goberno galego continuase a garantir a protección e conservación dos bens patrimoniais da comunidade

Para poder desenvolver os traballos necesarios a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asinou un convenio de colaboración coa diocese de Santiago

Padrón (A Coruña), 23 de outbro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, anunciou a licitación das obras do retablo maior da igrexa de Santiago Apóstolo que contarán cun orzamento de preto de 100.000 euros. A representante do Goberno autonómico visitou o templo para informar do inicio do expediente de contratación para acometer esta actuación o antes posible e informou que o prazo de execución das obras é de 6 meses.

Segundo explicou a representante autonómica, o proxecto contempla unha intervención integral que abranguerá todos os elementos do retablo, desde o seu soporte estrutural ata os estratos policromos, coa finalidade de asegurar a súa estabilidade, recuperar o seu aspecto orixinal e preservar a autenticidade do conxunto.

Entre as actuacións previstas inclúense a redacción dun proxecto de restauración específico, a limpeza superficial e eliminación de elementos alleos, a desinsectización curativo-preventiva, a fixación dos estratos polícromos, a revisión estrutural dos volumes, así como o reaxuste das carpinterías e o reforzo das ancoraxes, incidindo especialmente no mesado do altar que acolle o “Pedrón”, elemento de grande valor simbólico.

Tamén se levarán a cabo tratamentos dos elementos metálicos, consolidación dos soportes, reintegracións volumétricas e cromáticas, eliminación de repintes, limpeza de policromías e vernices oxidados, e finalmente, a aplicación dunha capa de protección final, xunto coa redacción da memoria técnica da intervención.

A delegada subliñou que o retablo presenta un estado de conservación desigual, cunha estrutura de madeira que, malia manter as súas propiedades mecánicas, mostra pandeos e desaxustes en certas táboas, especialmente na zona do “Pedrón”, que requiren dunha revisión e consolidación xeral para garantir a estabilidade do conxunto. Ademais, detectáronse alteracións nas policromías, con perdas de volume, repintes e escurecemento xeral da superficie, produto do envellecemento dos vernices e da acumulación de fume. A intervención permitirá recuperar unha policromía anterior máis coherente co estilo orixinal do retablo.

A delegada territorial destacou que “con esta licitación, o Goberno galego reafirma o seu compromiso coa conservación e posta en valor do patrimonio histórico de Galicia, garantindo que o retablo maior de Santiago Apóstolo de Padrón continúe sendo un referente artístico”. “Somos a administración máis comprometida coa conservación, restauración, investigación e divulgación de bens patrimoniais en Padrón”, subliñou.

Convenio colaboración

Para poder desenvolver os traballos necesarios a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asinou un convenio de colaboración, o 27 de marzo, coa diocese de Santiago para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa esta igrexa.

Comparte