Nova: A Xunta e o Incipit presentan no Gaiás a instalación ‘Arqueoloxía da festa’ que explora a través do son a metamorfose dos lugares de celebración

23/10/2025

A Xunta e o Incipit presentan no Gaiás a instalación ‘Arqueoloxía da festa’ que explora a través do son a metamorfose dos lugares de celebración

A artista sonora Matilde Meireles e o antropólogo Íñigo Sánchez-Fuarros crean un dispositivo audiovisual que revela as múltiples capas temporais do antigo campo da festa de Portomouro, en Val do Dubra

A proposta encádrase na segunda Residencia Incipit-CSIC de investigación e creación artística realizada en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Pode visitarse de balde ata o 23 de novembro no andar 0 do Museo Centro Gaiás

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC) impulsan a instalación artística Arqueoloxía da festa, que se pode visitar de maneira gratuíta no Museo Gaiás ata o vindeiro 23 de novembro. A proposta rastrea os sedimentos acústicos dun campo da festa abandonado en Portomouro (Val do Dubra), revelando a diversidade de pegadas humanas e naturais na paisaxe e as súas transformacións.

Ao longo de doce meses, Arqueoloxía da festa empregou tecnoloxías de detección remota, xunto con múltiples formas de gravación de campo, documentación visual e historias orais recollidas dos residentes para conformar unha escavación tecnolóxica de Portomouro que se presenta ao público no Museo Gaiás a través de son e imaxe.

O traballo deu comezo en maio de 2024 coa colaboración da artista sonora portuguesa Matilde Meireles e o antropólogo Íñigo Sánchez-Fuarros no marco da segunda Residencia Incipit-CSIC de creación etnográfica e multimodal que impulsan de maneira conxunta a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Instituto de Ciencias do Patrimonio, e como parte do proxecto PALCOS, investigación financiada pola Axencia Galega de Innovación que indaga na cultura material das festas patronais galegas.

Capas de son e imaxe

Dentro da instalación, o audio rodea as persoas visitantes, que se moven entre cantos de paxaros, ruído de coches, auga corrente e texturas abstractas capturadas por micrófonos de contacto contra o formigón. Xeófonos e hidrófonos permitiron rexistrar tamén os movementos baixo a superficie da terra e da auga do río Tambre, e un detector de morcegos puxo son ao silencioso voar destes animais.

Ademais, utilizáronse Antenas VLF e sensores para captar unha multitude de sinais electromagnéticos que foron transformaron en frases rítmicas, mentres o vento sobre o metal deu forma a un zumbido suave en evolución.

Na imaxe, un bucle de vídeo xerado por escaneo LiDAR (tecnoloxía de detección remota que revela a estrutura tridimensional do lugar a través de pulsos láser) fai visible Portomouro, construíndo un mapa preciso da decadencia e da transformación. As imaxes documentan igualmente a súa metamorfose ao longo dun ano, mostrando como a vexetación, fungos e inundacións estacionais remodelan os límites entre o espazo construído e o natural.

O dispositivo de Arqueoloxía da festa compleméntase cunha pequena mostra de artefactos recuperados do lugar, como vellas botellas de refrescos e cervexa ou anacos de tela e plástico, que resoan como pegadas de celebracións pasadas e formas de almacenamento de memoria.

Sobre os artistas

Matilde Meireles é unha recoñecida artista sonora portuguesa afincada no Reino Unido que investiga o potencial da escoita para articular novas experiencias do mundo. Algúns exemplos do seu traballo inclúen as complexas ecoloxías acuáticas, as resonancias en obxectos cotiáns ou a arquitectura dos sinais de radio. A súa obra aparece regularmente en destacados festivais de música experimental e exposicións en galerías, así como en prensa e radio internacional, incluíndo The Wire, BBC Radio 3 e RAI3.

O labor investigador de Iñigo Sánchez-Fuarros no Incipt-CSIC aborda as interseccións entre cultura expresiva, turismo, materialidade e procesos de patrimonialización, distinguíndose por unha aproximación que combina metodoloxías etnográficas coa creación fotográfica e audiovisual. Actualmente coordina o proxecto PALCOS, ademais de participar como co-investigador principal en HabitPAT: Os coidados do patrimonio e dirixir o laboratorio de creación etnográfica XEITO, integrado no Instituto de Ciencias do Patrimonio.

Comparte