Nova: A Xunta homenaxea a historia do cinema na comunidade cunha mostra na Biblioteca de Galicia
22/10/2025
A Xunta homenaxea a historia do cinema na comunidade cunha mostra na Biblioteca de Galicia
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salienta “a importancia do audiovisual para percorrer os cambios sociais, políticos e culturais vividos en Galicia ao longo dos séculos XIX, XX e XXI”
‘Contando películas: a evolución do espectáculo cinematográfico en Galicia’ está composta por máis de 200 pezas entre as que se atopan libros, publicacións, carteis, programas de man e fotografías
A exposición inaugúrase con motivo do Día das Bibliotecas e poderá visitarse ata o vindeiro 31 de maio
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a mostra Contando películas: a evolución do espectáculo cinematográfico en Galicia con motivo do Día das Bibliotecas. A exposición, que poderá visitarse de balde ata o 31 de maio no vestíbulo da Biblioteca de Galicia, realiza un percorrido pola historia do cinema na nosa comunidade desde os seus inicios ata a actualidade.
Anxo M. Lorenzo salientou “a importancia do audiovisual para percorrer os cambios sociais, políticos e culturais vividos en Galicia ao longo dos séculos XIX, XX e XXI” e destacou “o gran papel das bibliotecas públicas na recuperación de materiais que nos permiten descubrir o noso patrimonio cultural”.
A mostra, comisariada por Sabela Pillado Villaronga, está composta por máis de 200 pezas que inclúen libros, publicacións periódicas, carteis, programas de man e fotografías. A través deste material que provén dos fondos propios da Biblioteca e pezas prestadas pola Filmoteca de Galicia, o público poderá descubrir a evolución e a riqueza do patrimonio cinematográfico galego.
Contando películas: a evolución do espectáculo cinematográfico en Galicia complétase con reproducións electrónicas de novas publicadas no seu momento na prensa e que foi posible recuperar grazas aos proxectos de dixitalización levados a cabo en Galiciana, Biblioteca Dixital de Galicia, que documentan fitos como a chegada do cinematógrafo ou o impacto social das primeiras proxeccións.
A historia do cinema en Galicia
De entre todos os espectáculos de entretemento, poucos contaron cunha aceptación e un desenvolvemento tan rápido e xeneralizado coma o cinema. Desde a súa aparición a finais do século XIX, foi prontamente asimilado por unha sociedade ávida de novidades e de progreso. A súa evolución ao longo do século XX e parte do XXI é o reflexo da propia evolución da sociedade e dos seus cambios socioeconómicos, políticos, industriais e mesmo urbanísticos.
Cunha estrutura cronolóxica, veremos como se desenvolve o sétimo arte na Comunidade: a súa chegada; as primeiras proxeccións; os pioneiros; os cambios técnicos, políticos e históricos; a censura; o auxe inicial e o éxito durante décadas, e a crise que co tempo levou ao peche de tantas salas. Ademais, poderemos ver as formas de exhibición non comercial, así como a aparición e consolidación do cine galego ata a súa profesionalización actual.


