Nova: O circuíto AIEnRUTa leva a música de Galicia por toda España co patrocinio da Xunta ás xiras de seis grupos

15/10/2025
O circuíto AIEnRUTa leva a música de Galicia por toda España co patrocinio da Xunta ás xiras de seis grupos
The Rapants, Boyanka Kostova e Kyr4 ofrecerán unha ducia de concertos ata decembro, mentres que Eladio y Los Seres Queridos, Mad Martin Trio e De Ninghures actuarán entre xaneiro e xuño de 2026
A implicación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude nesta iniciativa para a promoción da música en directo, organizada polo colectivo estatal AIE, garante a participación de tres artistas ou bandas galegas en cada semestre de programación
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2025
A programación de AIEnRUTa-Artistas, un dos circuítos de concertos máis consolidado e de maior proxección a nivel estatal, ten garantida a presenza da música galega grazas á implicación da Xunta nesta iniciativa que, desde hai 30 anos, vén desenvolvendo a Sociedade de Artistas, Intérpretes ou Executantes (AIE) por salas de toda España. Kyr4, The Rapants, Boyanka Kostova, Eladio y Los Seres Queridos, Mad Martin Trio e De Ninghures son as bandas e artistas de Galicia que forman parte do seu cartel ata xuño de 2026.
Unha trintena de representantes do sector asistiron hoxe na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, ao anuncio desta participación galega en AIEnRUTa co patrocinio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, estivo acompañado nesta presentación por Gema Sánchez Torres, coordinadora do circuíto; o músico galego Xacobe Martínez Antelo, responsable do Fondo Asistencial e Cultural de AIE; Pilar Portela, coordinadora de Música e Danza da Axencia Galega das Industrias Culturais; e unha ampla representación dos grupos galegos seleccionados. Os muradáns The Rapants foron os encargados de poñer a música, coa interpretación en directo de tres dos seus temas máis coñecidos.
Iniciativa estratéxica
Sutil explicou que, con este acordo de patrocinio, a Xunta garante a presenza de tres intérpretes ou bandas da nosa Comunidade en cada semestre de programación de AIEnRUTa, “circuíto de longa tradición e altamente estratéxico para a promoción exterior da música galega”, en liña con outras das accións que se están a levar a cabo no marco da política de internacionalización cultural do Goberno autonómico, como a recente participación na Fira Mediterrània de Manresa ou as actuacións subvencionadas na última convocatoria de axudas á distribución cultural, que levaron o talento galego ata unha vintena de países e outras 15 comunidades autónomas.
En palabras do representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a colaboración entre o Goberno galego e AIE está chamada a ser “unha das accións destacadas da actual temporada cultural 2025-2026 en canto á promoción da música de Galicia fóra das nosas fronteiras”. Ademais de unha oportunidade para darlle a coñecer ao público de toda España unha escolma artística que abrangue tanto artistas emerxentes como traxectorias xa consolidadas en moi diferentes estilos, Sutil fixo fincapé no papel deste circuíto como escaparate internacional, xa que “as bandas seleccionadas poden beneficiarse dos acordos establecidos por AIE con estruturas tan relevantes como o Instituto Cervantes, AECID ou as plataformas Sounds from Spain e The Hispanic Wave, ademais de con medios de comunicación ou feiras profesionais dos sector”, indicou.
Foco propio para as propostas galegas
Galicia súmase así a Madrid, Cataluña e País Vasco para contar cun foco propio no marco do programa AIEnRUTa-Artistas, de xeito que os grupos da nosa Comunidade foron seleccionados por un comité experto de entre a trintena de propostas galegas presentadas nas correspondentes convocatorias semestrais de AIE.
Como parte do cartel desta segunda metade de 2025, The Rapants ofreceu xa o primeiro dos seus concertos o pasado 19 de setembro en León. A continuación, a banda de Muros actuará en Barcelona o 25 de outubro, Valladolid o 13 de novembro e Madrid o 15 dese mes, para continuar presentando en directo os temas de La máquina del buen rollo, o seu último traballo.
Pola súa banda, a artista coruñesa de música urbana Kyr4 estará en Cáceres o 24 de outubro, Zaragoza o 7 de novembro, Zamora o 28 de novembro e Málaga o 12 de decembro, mentres que o dúo compostelán Boyanka Kostova levará a súa proposta retranqueira, que mestura os sons máis contemporáneos co tradicional, ata Sevilla o vindeiro día 18, Murcia o 14 de novembro, Barcelona o 28 dese mes e Oviedo o 19 de decembro.
Ao tempo, AIEnRUTa desenvolverá ata final de ano 15 actuacións de grupos doutras Comunidades en oito salas galegas: A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, Garufa Club da Coruña, Clavicémbalo e Tebras de Lugo, Café Cultural Auriense de Ourense, A Casa das Crechas de Santiago de Compostela, e La Pecera e Radar Estudios de Vigo.
Nesta presentación, adiantouse tamén o nome dos tres grupos galegos que xirarán entre xaneiro e xuño de 2026: Eladio y Los Seres Queridos, veterano grupo vigués que cumpre 20 anos sobre os escenarios; Mad Martin Trio, considerado un dos máximos expoñentes do rock clásico da escena estatal, e De Ninghures, que a pesar da súa xuventude é xa unha das bandas de referencia do folk galego.
AIEnRUTa-Artistas celebra este 2025 o 30 aniversario da súa posta en marcha como programa pioneiro de música en directo, que buscaba facilitar o intercambio cultural entre diferentes Comunidades e fornecer un circuíto estable nas salas de concertos de toda España. Desde entón, ten organizado 5.470 concertos, con 1.092 artistas e grupos, en 554 locais de 142 cidades.