Nova: A Xunta impulsa a programación cultural de outubro en Lugo con tres grandes citas escénicas

15/10/2025

A Xunta impulsa a programación cultural de outubro en Lugo con tres grandes citas escénicas

O delegado territorial presentou hoxe os espectáculos, enmarcados na carteleira da Rede de Galega de Teatros para o segundo semestre do ano

Lugo, 15 de outubro de 2025

A Xunta reforza a programación da cidade de Lugo este mes de outubro con tres grandes citas escénicas no auditorio Gustavo Freire. O delegado territorial, Javier Arias, presentou hoxe os espectáculos, que se enmarcan na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios para o segundo semestre do ano e que contribúen a ampliar e diversificar a oferta cultural na cidade.

A carteleira arranca esta semana cunha doble proposta. Mañá xoves, ás 20.30 horas, o público poderá asistir á estrea de Ca-co-flex!, da compañía lucense ALOMAIS Teatro, e o domingo 19, ás 18.30 horas, o escenario acollerá Os senteito, o novo espectáculo familiar de Caramuxo Teatro.

A danza tamén terá protagonismo a finais de mes co espectáculo Dique, de Nova Galega de Danza, o 31 de outubro.

Arias puxo en valor “o compromiso da Xunta coa promoción das artes escénicas galegas e coa creación de espazos de encontro entre o público e as compañías do país” e animou aos público lucense a desfrutar destas propostas culturais.

A Rede Galega de Teatros e Auditorios vén de renovar a súa programación de artes escénicas na provincia con 45 funcións e espectáculos de teatro, música e danza programadas ata finais de 2025. Este circuíto, cofinanciado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e 43 entidades locais asociadas, contribúe a enriquecer a oferta cultural dos concellos.

Outras citas na Biblioteca Provincial

A programación cultural da Xunta para o mes de outubro na cidade de Lugo amplíase con outras propostas que se desenvolverán na Biblioteca Pública dependente da Administración autonómica, e entre as que destaca o concerto da Schola Gregoriana Lucensis, o primeiro coro segrar de canto gregoriano que houbo en Galicia, o venres 24 de outubro ás 20.00 horas.

Están previstas tamén distintas actividades dirixidas aos máis novos, que se iniciarán o venres 17 cunha sesión de minicontos a cargo de Raquel Galavis e co obradoiro Segredos da natureza, guiado polo arquitecto paisaxista Sven Dieter, no que os participantes poderán achegarse ás distintas especies vexetais do noso entorno, as súas propiedades e usos nun paseo polos arredores da cidade.

Os rapaces de entre 8 e 13 anos terán tamén a oportunidade de asistir ao taller educativo Estudar é + doado se sabes como, dirixido por Judit Gayoso, no que se lles amosará como conseguir mellores resultados académicos, con tres sesións os días 17, 24 e 31 deste mes. O mesmo día 31 desenvolverase tamén un obradoiro creativo de Halloween.

Para participar en calquera destes talleres é preciso inscribirse previamente na propia Biblioteca ou no teléfono 982 82 83 29.

Comparte