Nova: ‘Nicasso’ chega ao Centro Galego de Arte Contemporánea para ofrecer unha mirada crítica sobre Picasso

10/10/2025

‘Nicasso’ chega ao Centro Galego de Arte Contemporánea para ofrecer unha mirada crítica sobre Picasso

A mostra, inaugurada hoxe, amosa a obra feita polo artista Carlos Pazos a partir de cerámica de Vallauris

Poderá contemplarse ata o vindeiro 8 de febreiro e funciona como escenario dunha intensa produción cerámica

De xeito paralelo, o museo acollerá esta tarde unha conversa entre o autor, Carlos Pazos, o comisario da exposición, Santiago Olmo, e o director do museo Picasso de Barcelona, Emmanuel Guigón

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2025

O Centro Galego de Arte Contemporánea inaugura hoxe Nicasso, unha mostra que ofrece unha mirada crítica e irónica sobre as diversas lecturas que se fixeron da obra de Picasso desde a cultura popular. Trátase dunha exposición que amosa o traballo feito polo artista Carlos Pazos no que toma como referencia a famosa cerámica de Vallauris, localidade onde o artista malagueño se instalou entre 1948 e 1955 producindo unha extensa obra, para crear o esquema dun escaparate comercial.

A peza, que se poderá contemplar ata o vindeiro 8 de febreiro, incide en cuestións relacionadas co consumo masivo e o desgaste estético das formas, pero tamén no poder do mercado da arte e a súa capacidade para crear sucedáneos que crean a ilusión de grandes obras únicas.

Pazos busca así remarcar dúas ideas contraditorias: o universal recoñecemento da xenialidade de Picasso e as contraditorias opinións que segue suscitando o resultado da mesma. Cómpre lembrar que a obra exposta, pertencente aos fondos propios do CGAC formou parte  da mostra A sombra da historia, organizada neste museo no ano 2006.

De xeito paralelo á inauguración, o museo acollerá esta tarde unha conversa entre o artista Carlos Pazos, o comisario da exposición e director do CGAC, Santiago Olmo, e o director do museo Picasso de Barcelona, Emmanuel Guigon. Será a partir das 19,00 horas con entrada de balde.

Comparte