Nova: A Xunta trae a Vigo unha nova edición do Festival de Maxia Galicia ilusiona’ con artistas internacionais

10/10/2025

A Xunta trae a Vigo unha nova edición do Festival de Maxia Galicia ilusiona’ con artistas internacionais

A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, presentou este mediodía a iniciativa que ofrece cinco funcións esta fin de semana na cidade

Vigo, 10 de outubro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este venres xunto aos magos galegos Pedro Bugarín e Dani Polo o Festival Galicia Ilusiona 2025, que recala esta fin de semana, días 11 e 12 de outubro, na cidade de Vigo con cinco funcións no Teatro Afundación. A iniciativa percorre por cuarta vez toda Galicia con actuacións nas sete grandes cidades galegas tras abrir a súa xira o pasado 2 de outubro en Cangas.

Ana Ortiz destacou que a Xunta apoia esta iniciativa co obxectivo de converter a Galicia en referente e epicentro da maxia a nivel mundial e, ao mesmo tempo, levar e encher de ilusión toda a comunidade. O Festival Galicia Ilusiona 2025 xa pasou nos primeiros días de outubro por Cangas, Lugo, Santiago e Pontevedra. Esta fin de semana estará en Vigo e posteriormente viaxa ata A Coruña (16 e 17 de outubro) antes de pechar en Ferrol (18 e 19 de outubro).

Artistas da gala internacional

Semei: un mago manipulador coreano referente mundial da maxia elegante e depurada. Premiado coa variña de ouro de Monte Carlo.

Compañía Mag Edgard: especialistas en grandes ilusións visuais de alto impacto. Premiados co premio FISM Turín 2025 ao mellor espectáculo mundial.

Nacho Samena: talento galego emerxente con gran frescura e destreza técnica. Premio nacional de maxia 2024. Representará a Galicia no Festival.

David Burlet: artista carismático que combina humor e espectáculo a grande escala. Premio ao mellor malabarista francés durante tres anos seguidos.

Mago Murphy: presentador e mestre de cerimonias encargado de guiar ao público en todas as galas co seu humor e elegancia. Numerosos premios nacionais ao mellor presentador de galas internacionais.

Un festival que sigue medrando

Galicia Ilusiona reuniu en edicións anteriores a grandes figuras da maxia internacional como Arnó, Jerome Murat ou Néstor Hato, e conseguiu atraer a miles de espectadores de toda Galicia e do resto do país. Con apenas catro anos de vida, o festival converteuse no referente da maxia en Galicia e nun dos encontros de ilusionismo máis importantes de España.

Comparte