Nova: A Xunta celebra o Día das escritoras cun encontro coa poeta Olga Novo na Biblioteca de Galicia

09/10/2025
A Xunta celebra o Día das escritoras cun encontro coa poeta Olga Novo na Biblioteca de Galicia
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salienta “a calidade extraordinaria das escritoras galegas, que están a construír unha literatura sólida, diversa e innovadora”
Olga Novo, gañadora do Premio Nacional de Poesía en 2020, achega aos participantes a súa visión sobre como o texto comunica un posicionamento ético ante o mundo
A cita enmárcase dentro das actividades que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organiza cada ano con motivo do Día das Escritoras
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe a un encontro coa poeta Olga Novo na Biblioteca de Galicia con motivo do Día das Escritoras. A cita enmárcase nas actividades que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten preparadas para esta efeméride, que se celebra o 15 de outubro.
No marco deste encontro, Anxo M. Lorenzo salientou “a calidade extraordinaria das escritoras galegas, que están a construír unha literatura sólida, diversa e innovadora” e engadiu a importancia de “continuar reivindicando a presenza das mulleres na literatura galega e universal, reparando así as ausencias do pasado e abrindo camiños ás novas xeracións de creadoras”.
No obradoiro, a poeta Olga Novo empregou diversos obxectos como fíos condutores para explorar a relación entre ética e estética. A través destes símbolos, convidou as persoas participantes a reflexionar sobre como a creación artística pode ser tamén unha forma de compromiso co mundo. Ao longo da súa carreira, a autora recibiu numerosos recoñecementos como o Premio Nacional de Poesía pola obra Feliz Idade, o Premio da Crítica Española por Cráter ou o Premio Losada Diéguez por Nós nús.
A Biblioteca de Galicia celebra ás escritoras
A Biblioteca de Galicia súmase cada ano á conmemoración do Día das Escritoras con distintas actividades que poñen en valor o talento e a creatividade das mulleres que escriben en galego. Ao longo das diferentes edicións, participaron destacadas autoras que contribuíron a facer deste día unha cita imprescindible coa palabra e coa memoria como Alba Rozas, Ledicia Costas, Ánxela Gracián ou Sica Romero.