Nova: O ciclo de concertos ‘Xoán Montes ao piano’, organizado pola Xunta, percorrerá seis cidades e vilas galegas a partir deste sábado

08/10/2025
O ciclo de concertos ‘Xoán Montes ao piano’, organizado pola Xunta, percorrerá seis cidades e vilas galegas a partir deste sábado
A Delegación Terrritorial acolleu a presentación do programa, que se desenvolverá nos meses de outubro e novembro con actuacións gratuítas en Lugo, Monforte de Lemos, Ourense, Rianxo, Carballo e Pontevedra
Lugo, 8 de outubro de 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organiza o ciclo de concertos Xoán Montes ao piano - O son do pasado que conmove o presente, con seis actuacións noutras tantas cidades e localidades galegas – entre elas Monforte de Lemos e Lugo - durante os meses de outubro e novembro.
A Delegación Territorial da Xunta acolleu hoxe a presentación do programa, coa presenza do delegado territorial, Javier Arias, e dun dos intérpretes que participan no proxecto, Javier Ares Espiño, catedrático de piano no Conservatorio Superior de Música da Coruña.
A idea de divulgar a creación musical dun compositor lucense do Rexurdimento é o eixe deste ciclo de concertos de homenaxe a Xoán Montes na súa faceta como pianista. A súa produción para este instrumento é a parte máis descoñecida do seu catálogo e representa unha parte esencial do patrimonio cultural galego no eido musical.
Xunto con Javier Ares Espiño, encargaranse das interpretacións Jorge Briones Martínez e Pablo Diago Busto, todos eles con sólidas traxectorias artísticas e consolidados como referentes na recuperación e posta en valor da música galega dos séculos XIX, XX e XXI.
Os concertos do mes de outubro comezarán o vindeiro sábado día 11 no Liceo de Ourense – ás 19,30 horas -; para continuar o venres 17 na Casa da Cultura de Monforte de Lemos – 20,15 h. -; o sábado 18 no auditorio municipal de Rianxo – 20,30 h. -; e o xoves 23 na Casa do Saber de Lugo – 20,30 h. -.
As actuacións continuarán o venres 14 de novembro no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo – 21,00 h. - e o sábado 15 no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra – 19,00 horas -. As entradas a todos os concertos serán gratuítas ata completar aforo.
A iniciativa está promovida pola Xunta en colaboración co Liceo de Ourense, a Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos, o Concello de Rianxo, o Vicerreitorado de Estudantes e Cultura da USC do Campus de Lugo, o Concello de Carballo, o Museo de Pontevedra, o Grupo Organistrum da USC, o proxecto Estudos históricos de Música en Galicia e América (ss. XI-XX); e o proxecto de I+D+i Galicia-América: Música civil, ideoloxía e identidades culturais a través do Atlántico (1800-1950).