Nova: As esculturas do Capitán Nemo reparadas pola Xunta volven á enseada de San Simón

08/10/2025

As esculturas do Capitán Nemo reparadas pola Xunta volven á enseada de San Simón

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visita o conxunto escultórico da Ría de Vigo tras a restauración levada a cabo en dúas das súas pezas

López Campos destaca “a implicación coas demandas das administracións locais para a conservación dos puntos de interese cultural dos seus concellos”

As figuras dos mergulladores, localizadas nas proximidades da Illa de San Simón, foron rehabilitadas nun taller polo deterioro sufrido pola acción do mar sobre elas

Redondela (Pontevedra), 8 de outubro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, achegouse hoxe ao conxunto escultórico do Capitán Nemo, próximo á Illa de San Simón, para comprobar o resultado da restauración ao que foi sometido cun investimento de 14.500€ por parte do Goberno galego. Unha mostra, apuntou, “da nosa implicación coas demandas das administracións locais para a conservación dos puntos de interese cultural nos seus concellos”.

Neste sentido, o representante da Xunta, que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou o “gran traballo realizado polo estudo de Sergio Portela para a rehabilitación das figuras dos buzos expostas ao deterioro pola acción do mar sobre elas”. Así, puxo en valor o interese das esculturas, que lembran a referencia á Ría de Vigo e á Batalla de Rande na novela de Julio Verne Vinte mil leguas de viaxe submarina, “como un xeito de unir historia e literatura coa illa de San Simón de fondo”.

Os estudos previos realizados sobre o conxunto detectaron o mal estado dos mergulladores derivada do propio lugar no que se atopan pola subida e baixada da marea. As pezas sufrían a invasión de cunchas de lapas e mexillóns, a falta dalgún complemento e mesmo algún desprendemento, polo que se solicitou a intervención da que se fixo cargo a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Dadas as características da súa localización, na enseada de San Simón, e os limitacións dos cambios da marea, as figuras foron trasladadas ao taller para a súa limpeza e reparación e devoltos de novo ao seu lugar, “onde agardo sigan a gozar da súa peculiaridade tanto veciñanza como visitantes”, apuntou López Campos.

Comparte