Nova: A Xunta anuncia que as obras do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia están xa rematadas a un 85% e garante a súa finalización a finais deste ano

07/10/2025
A Xunta anuncia que as obras do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia están xa rematadas a un 85% e garante a súa finalización a finais deste ano
José López Campos adianta a apertura dun proceso de diálogo con industrias culturais e coa comunidade de creadores para incorporar ideas ao plan de usos desta nova infraestrutura
López Campos avanza a celebración en novembro no Gaiás dun foro internacional sobre arte dixital coa participación dun panel de expertos e creadores
A Xunta prepara unha licitación para, rematadas as obras, avanzar no equipamento técnico co obxectivo de que estea operativo no segundo semestre de 2026
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou esta mañá nunha visita para comprobar o avance das obras do que será o primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia, infraestrutura que se está a construír na Cidade da Cultura. No percorrido, informou de que o nivel de execución dos traballos acada xa o 85% e reafirmou o compromiso da Xunta de que estará rematado a finais de ano.
López Campos destacou que o futuro centro supón unha “ventá de oportunidades para situar a Galicia na vangarda das artes dixitais” e avanzou que, paralelamente aos avances dos traballos, se está a afondar nunha maior definición do programa do usos deste centro. Así, adiantou “a apertura dun proceso de diálogo coa comunidade de creadores e coas industrias culturais e a celebración en novembro dun foro internacional cun amplo panel de expertos e creadores”.
Unha vez rematadas as obras e aprobado o programa de usos, o titular de Cultura anunciou que o seguinte fito será o equipamento, proceso que xa está en marcha identificando a tecnoloxía necesaria para un espazo que contará cun entorno para experiencias inmersivas, áreas de realidade virtual ou espazos de videomapping, así como laboratorios e dispositivos orientados á comunidade escolar.
Esta folla de ruta rematará coa posta en funcionamento do Centro de Artes Dixitais no segundo semestre de 2026. “Vendo o ritmo ao que avanzan os traballos, estamos seguros de que estará plenamente operativo no próximo ano”, subliñou López Campos.
O conselleiro explicou que localizar no Gaiás o Centro de Artes Dixitais permite un aforro significativo, xa que non implica a adquisición dun solar coas características necesarias para un equipamento desta natureza nin tampouco a construción dun edificio novo. “Estamos a adaptar un espazo que xa existía e estaba en desuso, os aparcadoiros subterráneos do Teatro da Música, un dos edificios incluídos nos proxecto orixinal da Cidade da Cultural, pero que non chegaron a ser totalmente construídos”, explicou.
De xeito paralelo á posta en marcha deste novo equipamento, López Campos destacou que a Cidade da Cultura sitúa xa as artes dixitais como un dos eixos prioritarios do seu programa, aludindo así a propostas como Castelao. Mirar por Galicia, Orixes, Hábitats. Natureza estendida, o Galiverso ou Carne y Arena.
“Moitas destas experiencias dixitais que se producen no Gaiás viaxan logo a outros centros culturais. Agora mesmo, por exemplo, Hábitats pode visitarse en Coruña e son xa moitos os centros educativos e espazos culturais aos que teñen chegado os proxectos do Galiverso”, engadiu, subliñando que o obxectivo non é contar cun centro ao que achegarse a gozar destas experiencias, senón dotar a Galicia dunha factoría de contidos de artes dixitais que itineren por toda a comunidade.