Nova: A Xunta inviste máis de 15.000 euros nos traballos de roza, limpeza e rexistro do Castro de Altamira, nas Neves

03/10/2025

A Xunta inviste máis de 15.000 euros nos traballos de roza, limpeza e rexistro do Castro de Altamira, nas Neves

As Neves (Pontevedra), 3 de outubro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado dos traballos de limpeza e desbroce do castro de Altamira, no concello das Neves.

Acompañado polo alcalde, José Manuel Alfonso, Reguera coñeceu unha parte deste importante xacemento arqueolóxico que agora se atopa máis accesible e coidado grazas aos labores de limpeza da contorna que foron posibles tras un investimento da Xunta de máis de 15.000 euros.

Neste senso, os traballos foron realizados a man, cubrindo unha superficie de dúas hectáreas e contaron cun estrito control arqueolóxico.

Reguera aproveitou a visita para poñer en valor o “extenso patrimonio arqueolóxico e cultural que temos en Galicia” e asegurou que a Xunta “seguirá apostando, como o ten feito ata agora, pola conservación e posta en valor deste tipo de lugares que son parte da nosa historia e da nosa identidade”.

Comparte