Nova: O festival internacional de maxia ‘Galicia ilusiona’ chega hoxe a Lugo co apoio da Xunta

03/10/2025

O festival internacional de maxia ‘Galicia ilusiona’ chega hoxe a Lugo co apoio da Xunta

A programación inclúe a presenza de artistas internacionais multipremiados que actúan na comunidade por primeira vez para ofrecer espectáculos únicos

Lugo, 3 de outubro de 2025

 O festival internacional de maxia Galicia Ilusiona recala hoxe na cidade de Lugo coa colaboración da Xunta. Haberá dous pases, un ás 18:30 horas e o outro ás 21:00 h., ambos no auditorio Gustavo Freire.

O delegado territorial, Javier Arias, visitou este mediodía o recinto para manter un encontro cos ilusionistas que actuarán pola tarde. A programación inclúe a presenza de artistas internacionais multipremiados que visitan Galicia por primeira vez para ofrecer espectáculos únicos.

Entre eles está Seimei, un mago manipulador coreano premiado coa variña de ouro de Monte Carlo; a Compañía Mag Edgard (Barcelona), recoñecida co premio FISM Turín 2025 a mellor espectáculo mundial; o lucense Nacho Samena, un dos magos galegos con maior proxección; e David Burlet, artista carismático galardoado como mellor malabarista francés durante tres anos seguidos. Como na anterior edición, o presentador da gala será o Mago Murphy, que ademais sorprenderá ao público con novos números inéditos.

O festival percorre durante o mes de outubro oito cidades e localidades galegas. Así, ademais de Lugo pode desfrutarse en Santiago de Compostela os días 4 e 5; en Ourense o 9 de outubro, en Pontevedra o venres 10, en Vigo a fin de semana do 11 e 12; na Coruña o 16 e 17 e finalmente en Ferrol o 18 e 19. As funcións comezaron onte en Cangas.

Comparte