Nova: Xosé Miranda gaña o XXIII Premio de Poesía Afundación, co que colabora a Xunta

02/10/2025
Xosé Miranda gaña o XXIII Premio de Poesía Afundación, co que colabora a Xunta
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou a relevancia deste consolidado certame para fomentar a produción poética en galego
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2025
O escritor e profesor Xosé Miranda, coa obra As torres abolidas, fíxose esta tarde co XXIII Premio de Poesía Afundación, promovido por esta institución, a Xunta de Galicia e o Centro PEN Galicia. No fallo do certame estivo presente o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen destacou a relevancia deste consolidado galardón na nosa axenda cultural para fomentar a produción poética en galego.
Neste marco, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude felicitou ao gañador por pasar a formar parte “dun grupo formado por importantes nomes da poesía galega contemporánea como Miguel Rodríguez Monteavaro, gañador da pasada edición; ou Yolanda Castaño, recoñecida co Premio Nacional de Poesía 2023”. Neste senso, destacou o bo momento do sector cultural galego, que nos últimos que nos últimos anos acadou galardóns a nivel nacional e desexou ao premiado “moitos éxitos na súa vida literaria”.
Xosé Miranda (Lugo, 1955) é licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor xubilado desta materia. Conta con libros publicados no eido da poesía, da literatura infantil e xuvenil, da narrativa e mesmo participando en obras colectivas. Ao longo da súa carreira foi distinguido con varios galardóns como o Premio Xerais en 1998 ou o Premio Merlín en 2002. Con anterioridade xa era posuídor do Premio García Barros, no 1990, ou o Modesto R. Figueirido, no 1988. Historia dun paraugas azul, Pel de lobo, Morning Star, Na terra sombría ou Carozo Azul son algunhas das súas obras recoñecidas.
Desde 2002
O Premio Poesía Afundación comezou o seu percorrido no ano 2002. Neste tempo resultaron gañadores os poetas galegos Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande, Oriana Méndez, Medos Romero, Ledicia Costas, Rafa Vilar e Miguel Rodríguez, gañador da anterior convocatoria. O galardón implica a publicación do libro na colección Arte de trobar e unha dotación económica de 7000 euros.