Nova: A Xunta e Xerais editan as obras gañadoras dos últimos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro e Manuel María

30/09/2025
A Xunta e Xerais editan as obras gañadoras dos últimos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro e Manuel María
`Incidencia muller pedra’, de AveLina Pérez, e ‘O carteiro de Ximaraos’, de Carlos Labraña, incorpóranse á colección Biblioteca Dramática Galega
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2025
As obras Incidencia muller pedra, de AveLina Pérez, e O carteiro de Ximaraos, de Carlos Labraña, atópanse xa nas librarías como parte da colección Biblioteca Dramática Galega, na que a Xunta de Galicia e Edicións Xerais publican os textos recoñecidos cos premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e Manuel María de literatura dramática infantil, convocados bienalmente pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Co primeiro deles, a dramaturga AveLina Pérez obtivo o XXVII Álvaro Cunqueiro, recoñecemento que xa lograra en 2018 por Ás oito da tarde, cando morren as nais, obra que foi levada a escena en 2022 polo Centro Dramático Galego baixo a dirección de Marta Pazos e traducida tamén ao portugués e ao francés.
En Incidencia muller pedra, que fai o número 28 da Biblioteca Dramática Galega, a autora aborda os problemas de aceptación de sensibilidades diferentes nun mundo cada vez máis tendente ao normativo, no que a protagonista loita por manterse fóra dos canons e da rixidez das lóxicas sociais. Trátase, como destacaba a acta do xurado, dunha historia “singular e lúcida”, que foxe do convencional para se presentar como unha peza “emocionante, delicada e profundamente intelixente”.
Ilustracións de Luz Beloso
Tamén Carlos Labraña recibira anteriormente o Manuel María de literatura dramática infantil, que levou en 2016 por O valo, sobre o drama dos refuxiados. Desta volta, foi galardoado coa 13ª do mesmo premio por O carteiro de Ximaraos, obra que se edita acompañada das ilustracións de Luz Beloso no número 29 da devandita colección.
O xurado valorou como o autor trata “dun xeito sensible, coidado e con profundidade” a situación das crianzas que conviven cun familiar doente e o conflito interxeracional que os separa. A importancia da memoria, a tradición e a transmisión do legado familiar están tamén moi presentes nesta historia.
Esta peza teatral tamén veu a luz recentemente sobre as táboas coa estrea o pasado mes de maio no Salón Teatro de Santiago do espectáculo coproducido polo Centro Dramático Galego e Os Monicreques de Kukas.
Esta liña de coedición con Xerais enmárcase na colaboración que o Goberno galego mantén con diferentes editoriais para a publicación dos seus premios de literatura dramática, que convoca bienalmente co fin de incentivar a escrita teatral na nosa Comunidade e de impulsar a súa proxección social.
Así, ademais de Incidencia muller pedra e de O carteiro de Ximaraos, xa o pasado mes de agosto viron a luz na colección Barriga Verde de Baía Edicións os últimos títulos recoñecidos cos premios homónimos para textos de teatro de monicreques: Manchea, co que Andrea Freire gañou na categoría de obras para a rapazada, e O Faro, tamén de Carlos Labraña, galardoado na modalidade para adultos. Os catro títulos poder adquirirse tanto na Libraría Institucional da Xunta de Galicia como nos principais puntos físicos de venda.