Nova: López Campos erixe Galicia como “epicentro creativo” e “viveiro constante de novos artistas”

27/09/2025

López Campos erixe Galicia como “epicentro creativo” e “viveiro constante de novos artistas”

O representante do Goberno galego celebra o interese dos creadores galegos en dar a coñecer as súas obras na Comunidade

Gaba que, nesa “experimentación constante” que define gran parte dos traballos actuais, “sempre somos capaces de ver na cerna as nosas raíces”

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe Galicia como “epicentro creativo e viveiro constante de novos artistas”, dos que gabou “a súa proxección e recoñecementos dentro e fóra da Comunidade”. Así o salientou na inauguración da exposición Breviario, de Tamara Feijoo, na Fundación Dardo Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas-DIDAC, en Santiago de Compostela, unha mostra que xa foi exhibida no centro artístico Appletón de Lisboa e que conta co apoio da Xunta.

Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o representante do Goberno galego apuntou como exemplo desta “Galicia creativa” a carreira artística, premios e proxección da ourensá Tamara Feijóo, “cuxas obras se teñen exhibido por toda a Comunidade, ao tempo que en institucións de referencia de España ou de Portugal, como esta mesma mostra”.

Precisamente, López Campos enxalzou o currículo de Tamara Feijoo, da que lembrou que ten sido merecedora de recoñecementos en case todos os certames dedicados á promoción da arte en Galicia. De igual xeito, destacou o feito de que as súas creacións se atopan en importantes coleccións dentro e fóra da Comunidade, facendo unha mención especial a do Centro Galego de Arte Contemporánea.

Neste senso, o conselleiro celebrou o interese das e dos artistas galegos en dar a coñecer as súas obras na súa terra, ao tempo que valorou que, “nesa experimentación constante que define a moitos dos creadores actuais, sempre somos capaces de ver as nosas raíces na cerna das súas pezas”, tal e como asegurou que se reflicte en Breviario.

‘Breviario’

Breviario é unha pequena colección de pezas que funcionan como mostras e experimentos pictóricos. A mostra é o resultado de ensaios de taller, recorrencias e descartes, que dan forma a unha imaxinería persoal que funciona como resumo da súa traxectoria.

Neste particular compendio están presentes o debuxo e a pintura, os seus medios de expresión fundamentais. Desta forma, a artista utiliza papeis vellos e tocados polo paso do tempo provenientes de antigos cadernos que ela mesma vai recompilando para convertelos despois na base da súa obra.

Fundación DIDAC

Dardo Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas-DIDAC é unha fundación sen ánimo de lucro que nace coa intención de divulgar o deseño e as artes contemporáneas. Desde o seu nacemento, en 2017, caracterízase polo seu forte compromiso coa diversidade, a ecoloxía, a tradición e a innovación con Galicia como protagonista do seu relato.

 

Comparte