Nova: A Xunta e o Festival Maré promoven a circulación exterior da música galega nun encontro profesional con axentes internacionais

26/09/2025

A Xunta e o Festival Maré promoven a circulación exterior da música galega nun encontro profesional con axentes internacionais

A xornada, na que participa medio centenar de artistas e profesionais do sector, inclúe mentorías, presentacións curtas de proxectos e unha sesión de networking

No marco desta acción, inclúense as actuacións de Sofía Espiñeira, Davide Salvado, Germán Díaz e Benxamín Otero xunto á cantante india Vidya Shah, e Quico Comesaña

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2025

Un total de 35 artistas e profesionais do sector musical galego e 14 axentes internacionais están a participar hoxe no encontro Maré Pro, que se desenvolve no Riquela Club de Santiago de Compostela no marco do Festival Maré e con financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu ao arranque das sesións deste evento profesional, ideado como unha plataforma de intercambio cultural para establecer contactos cos profesionais da programación cultural chegados de 10 países que están a asistir estes días á sexta edición do Festival Maré, que conta así mesmo co patrocinio da Xunta de Galicia como parte dos Concertos do Xacobeo.gal.

A xornada deu comezo coa quenda de mentorías, na que as cinco formacións artísticas galegas seleccionadas para esta actividade mantiveron reunións individualizadas con cinco dos programadores convidados ao evento. Maré Pro inclúe, así mesmo, unha sesión de presentacións curtas dos proxectos musicais aquí representados e outra de networking entre todos os participantes.

No marco desde mesmo encontro profesional, insírense catro das actuacións galegas que forman parte do cartel do festival: o concerto de Sofía Espiñeira onte á noite na Sala Capitol, os que ofrecerán mañá na Igrexa da Universidade tanto Davide Salvado como Germán Díaz e Benxamín Otero, xunto á cantante india Vidya Shah, e o de Quico Comesaña o domingo no Teatro Principal.

Con esta iniciativa dáse continuidade a unha primeira experiencia desenvolvida en 2024 ao abeiro da rede europea MATE (Music Art Technology Education). O obxectivo é estender o radio de acción do Festival Maré, de xeito que contribúa a fortalecer o ecosistema musical mediante o diálogo, a colaboración e a circulación de proxectos.

Comparte