Nova: López Campos ratifica o apoio da Xunta a Culturgal como cita relevante para a difusión dos servizos e produtos culturais galegos

26/09/2025

López Campos ratifica o apoio da Xunta a Culturgal como cita relevante para a difusión dos servizos e produtos culturais galegos

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude recibiu hoxe unha representación da nova directiva de Culturgal, asociación que cada ano organiza a feira cultural do mesmo nome e que congregará do 28 ao 30 de novembro en Pontevedra o máis destacado do sector. Durante a reunión, José López Campos ratificou o apoio económico da Xunta a esta cita pola súa posición relevante como plataforma para a promoción e difusión dos servizos e produtos de todos os ámbitos artísticos feitos en Galicia e no noso idioma.

Á xuntanza, na que tamén participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acudiron Víctor López e Camilo Franco, presidente e director de Culturgal, respectivamente, ademais de Fran Alonso (da Asociación Galega de Editoras) e Darío Janeiro (de Punto.gal). Xunto a estes dous últimos colectivos, a asociación Empresas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e EspazoCoop integran a nova estrutura de Culturgal para 2025. Destes cambios deuse conta no encontro mantido esta mañá, así como dos proxectos de futuro para a feira por parte dos seus organizadores.

Comparte