Nova: López Campos destaca os museos como claves na investigación e difusión do patrimonio arqueolóxico

25/09/2025
López Campos destaca os museos como claves na investigación e difusión do patrimonio arqueolóxico
O encontro profesional, organizado pola Xunta, pon en común a relación destes equipamentos culturais especializados e os estudosos da materia
Resalta o compromiso do Goberno galego tanto a través do Plan de actuacións en xacementos como cos espazos cos que se contribúe á divulgación dos achados
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe o papel dos museos “como claves na posta en valor do patrimonio arqueolóxico, porque sen o labor que se fai desde estes espazos a investigación, a difusión e o coñecemento da nosa historia non tería o alcance que ten”.
Así se expresou o representante da Xunta nas xornadas técnicas que organiza por cuarta edición o seu departamento, desta vez baixo o título Museos e Arqueoloxía, e que reúnen desde onte na Cidade da Cultura a especialistas nesta materia de Galicia, doutras Comunidades e de Portugal. Neste senso, puntualizou que as instalacións museísticas especializadas na arqueoloxía “non só prestan servizo ao público en xeral, tamén ás persoas investigadoras, que buscan seguir afondando nos descubrimentos que se conservan e salvagardan nestes centros”.
Así, tal e como lembrou López Campos, a temática do encontro este ano trata de analizar a relación constante que existe entre os museos como depositarios do patrimonio arqueolóxico e os usuarios especializados na investigación. Desta maneira, apuntou, “é moi positivo crear este espazo profesional para compartir opinións e experiencias e mellorar no que ten que ver con esa posta en valor da nosa cultura”.
Deste xeito, o conselleiro fixo fincapé no compromiso do Goberno galego “tanto coas intervencións que nos permitan seguir explorando e mantendo nas mellores condicións os xacementos da Comunidade, como cos equipamentos desde os cales contribuímos ao estudo e divulgación dos achados e da historia que nos contan”. Referiuse así, por unha banda, ao Plan de actuacións arqueolóxicas que cada ano se pon en marcha desde o seu departamento e que este ano abrangue ao redor de 81 accións en distintos enclaves de todo o territorio, ás que se destinan 1,5 M€.
Por outro lado, incidiu nas instalacións museísticas xestionadas pola Xunta neste eido, como é o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra), o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las (Ourense), o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ou o Museo do Castro de Viladonga en Castro de Rei (Lugo). Entre os catro recibiron máis de 86.000 visitas no 2024.
Relatorios, mesas redondas e debates
A xornada Museos e Arqueloloxía está a acoller desde onte distintos relatorios, mesas redondas e debates con temáticas que van desde as investigacións e a xestión en museos arqueolóxicos estatais e autonómicos, experiencias internacionais dalgunhas institucións culturais ou novas técnicas de documentación e rexistro do patrimonio arqueolóxico de Galicia, ata proxectos de escavación e difusión ou os retos da conservación e a arqueoloxía preventiva. O programa complétase cunha visita ao Instituto de Ciencias do Patrimonio que permitirá coñecer, de primeira man, as liñas de investigación máis innovadoras neste ámbito.