Nova: As axudas da Xunta á distribución das industrias culturais facilitaron a presenza dos espectáculos de 77 formacións artísticas en 22 países

25/09/2025
As axudas da Xunta á distribución das industrias culturais facilitaron a presenza dos espectáculos de 77 formacións artísticas en 22 países
Adxudicáronse preto de 500.000 euros a 93 propostas de xiras, actuacións e participación en mercados sectoriais
Os proxectos subvencionados suman máis de 500 funcións escénicas, concertos e accións de promoción tanto no estranxeiro como noutras 15 comunidades autónomas
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2025
A música e as artes escénicas galegas proxectáronse no exterior grazas ao apoio económico da Xunta de Galicia que, a través da convocatoria para as actividades de distribución nas industrias culturais, lles achegou neste 2025 preto de 500.000 euros aos 93 proxectos subvencionados que suman máis de 500 actuacións artísticas e accións de promoción, tanto no estranxeiro, coa visita a 22 países, como noutras 15 comunidades autónomas.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca anualmente estas subvencións co fin de impulsar a comercialización exterior dos produtos culturais galegos e facilitarlles o acceso ao mercado mundial. Así, o investimento destinouse a cofinanciar os gastos asumidos polas empresas adxudicatarias na participación en feiras e no desenvolvemento de xiras dos seus espectáculos por escenarios dentro e fóra de España, tamén dentro de Galicia no caso das artes escénicas, así como na súa asistencia a destacados mercados sectoriais. En concreto, recibiron o apoio do goberno galego 44 espectáculos de artes escénicas, con 318 representacións, e 49 propostas musicais, que levaron a cabo 202 actuacións. Ademais, viaxaron fóra de Galicia 36 compañías teatro e danza, e 41 grupos musicais.
Destinos internacionais
México, Ecuador, Brasil, Colombia, Costa Rica, Cuba, Uruguai, Arxentina, Perú, Italia, Eslovenia, Hungría, Francia, Bélxica, Polonia, Alemaña, Inglaterra, Escocia, Irlanda, Países Baixos e Portugal foron os 22 destinos internacionais dos proxectos beneficiarios destas axudas, que se estenderon igualmente a actuacións artísticas en escenarios doutras 15 comunidades autónomas.
En canto ás artes escénicas, figuran nesa listaxe a xira mexicana e estatal de Sobre, de Teatro Ensalle; o percorrido estatal e internacional de Iribarne, de Butacazero; así como as xiras nacionais de O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, e dos espectáculos de danza de Paula Quintas Cía, La Macana ou Colectivo Glovo. Tamén a participación en feiras e festivais de, entre outros, Píscore, de Culturactiva, no Festival de Teatro Comfama de Medellín, e de Hexagonum, de Troula Animación, no festival Sziget en Hungría.
Na modalidade escénica, apóiase tamén a distribución artística dentro da nosa Comunidade, exceptuando a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Son os casos das xiras galegas de Redrum Teatro, Teatro do Noroeste, A Xanela do Maxín, Teatro de Ningures, Ibuprofeno Teatro ou Excéntricas.
No referente á música, entre as propostas apoiadas pola Xunta a través desta convocatoria atópanse as xiras de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Mercedes Peón, Baiuca, Dakidarría, Luar na Lubre ou Bala. Ademais, entre outros artistas, benefícianse das axudas os concertos de Guadi Galego no Inverfest en Madrid e no Tierra Bobal Fest de Requena, e as actuacións de Sumrrá nos festivais Tropos-Cerezales de León, Terrer Priorat, Jazz de Vitoria ou Münsterland en Alemaña.
A Xunta de Galicia contribúe, así mesmo, á presenza de 13 empresas de artes escénicas e musicais en feiras celebradas fóra de Galicia, como FETEN Xixón, BIME Pro de Bilbao, Mercat de Música Viva de Vic ou a Feria Internacional de la Música (FIMPRO) en México.