Nova: López Campos remarca na Estrada o labor de Manuel Reimóndez a prol da cultura galega

24/09/2025

López Campos remarca na Estrada o labor de Manuel Reimóndez a prol da cultura galega

A mostra realiza un percorrido sobre a figura do que foi escritor, médico, alcalde da Estrada e gran divulgador do patrimonio local

O responsable de Cultura da Xunta destacou “a importancia de recoñecer a figuras que traballaron arreo por documentar e difundir a riqueza histórica, cultural e o folclore da comarca”

Con esta iniciativa dase comezo a ‘A Estrada Mostra’, unha serie de tres exposicións sobre nomes propios da cultura galega e estradense

A Estrada (Pontevedra),  24 de setembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe o “compromiso innegable e o labor de Manuel Reimóndez a prol da cultura galega, así como o seu traballo por documentar e difundir a riqueza histórica, cultural e o folclore da comarca e preservar a memoria colectiva”. Fíxoo na inauguración da mostra dedicada á súa figura na Estrada, e que poderá verse ata finais de novembro na Casa das Letras.

No acto de apertura, o responsable autonómico de Cultura destacou a relevancia da figura de Reimóndez, coñecido como “o médico dos pobres” que tras o seu labor como médico rural durante máis de dúas décadas, canalizou despois a súa paixón pola historia, a arte e as tradicións locais cara diversas iniciativas culturais. “Promotor e presidente do Museo do Pobo Estradense, e benquerido alcalde da nosa vila, o seu legado sigue latente a día de hoxe”, destacou López Campos.  

Cómpre destacar que, con este proxecto, dase comezo a A Estrada Mostra, unha iniciativa composta por tres exposicións sobre tres grandes nomes propios da cultura galega e estradense. Deste xeito, o 30 de novembro está previsto abrir neste mesmo escenario Avelina Valladares. Vida e obra, mentres que o 18 de decembro chegará a vila Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza, que servirá como broche de ouro na Estrada do Ano Castelao, a terra natal da súa muller Virxinia Pereira.

Comparte