Nova: A Xunta estrea na Cidade da Cultura a peza de danza internacional ‘Horizontes Errantes’ xestada no Camiño Primitivo a Compostela

23/09/2025

A Xunta estrea na Cidade da Cultura a peza de danza internacional ‘Horizontes Errantes’ xestada no Camiño Primitivo a Compostela

A coreógrafa española Laura Aris e o bailarín alemán Jakob Jautz transforman a paisaxe e os encontros coas comunidades locais nunha obra cargada de esperanza

Logo de quince días en ruta entre Asturias e Santiago, e unha residencia artística no Gaiás, o resultado presentarase ao público, de balde, o sábado 27 de setembro

O domingo 28 impartirase un obradoiro de danza contemporánea gratuíto para persoas interesadas no diálogo entre movemento, natureza e creación artística

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2025

 A Xunta apoia a creación contemporánea internacional ligada ao Camiño de Santiago coa estrea na Cidade da Cultura de Horizontes Errantes, un proxecto de danza e peregrinación artística da coreógrafa española Laura Aris e o bailarín alemán Jakob Jautz. A peza nútrese dos relatos da terra e dos seus habitantes, recollidos ao longo de 15 días de travesía entre Asturias e Santiago de Compostela seguindo o Camiño Primitivo.

Así, durante desta semana, ambos os dous artistas estarán a traballar co músico portugués Jorge da Rocha no Gaiás, como parte do programa de residencias artísticas co que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ofrece financiamento, espazos e recursos técnicos da Cidade da Cultura para facer realidade propostas de investigación e creación no ámbito da cultura contemporánea.

Horizontes errantes é un exemplo de como as artes escénicas poden xerarse máis aló dos teatros convencionais e das cidades, en diálogo libre co mundo. Desta conversa en movemento que se transformará en danza forman parte a flora e a fauna, os peregrinos cos que compartiron ruta, e as veciñas e veciños das localidades que atravesan o Camiño, entre os que se contan proxectos de agroturismo sostible ou espazos de residencia para artistas.

O enfoque da obra convida a habitar a terra desde a lentitude e a escoita, entendendo o camiñar como un acto poético de resistencia que evoca sentimentos de esperanza e conexión fronte á acelerada realidade actual. A función será o sábado 27 de setembro ás 19,00 horas no Salón de Convencións do Edificio CINC, con entrada libre e gratuíta ata completar capacidade.

Conexións entre Alemaña e Galicia

A peregrinación artística de Horizontes errantes explora dous contextos xeográficos e culturais distintos en Alemaña e Galicia. Nunha primeira parte do proxecto, realizada no mes de xullo, Laura Aris e Jakob Jautz atravesaron a pé a Selva Negra, nun percorrido que se teceu grazas á xenerosidade de pequenas granxas familiares que os acolleron durante o camiño. Destes encontros naceu tamén unha peza escénica que estrearon no teatro E-Werk de Freiburg, e á que asistiron como público parte das granxeiras e granxeiros participantes.

Ademais, o proxecto inclúe a realización de varios obradoiros de danza contemporánea dirixidos a persoas interesadas no diálogo entre movemento, natureza e creación artística. O último deles, de carácter gratuíto, desenvolverase na Cidade da Cultura o domingo 28 de setembro.

Comparte