Nova: Valentín García salienta a “calidade e a solvencia” de ‘odio’, a obra gañadora do I Premio Xosé Neira Vilas de literatura xuvenil

22/09/2025
Valentín García salienta a “calidade e a solvencia” de ‘odio’, a obra gañadora do I Premio Xosé Neira Vilas de literatura xuvenil
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enxalza que a publicación está “á altura” do autor homenaxeado coa posta en marcha deste certame
Apoiado pola Xunta, está dotado con 6.000 € e busca pór en valor a contribución de Neira Vilas como precursor deste xénero no sistema literario galego
Santiago de Compostela, 22 de setembro 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe no acto de presentación do I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil a Gabriel Romero de Ávila, quen resultou gañador coa súa obra Odio. Dotado con 6.000 €, o certame púxose en marcha este ano por vez primeira co apoio da Xunta de Galicia, co obxectivo de pór en valor a importante contribución de Xosé Neira Vilas como precursor deste xénero no sistema literario galego.
Precisamente, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enxalzou a “calidade e solvencia” da obra gañadora “á altura do autor ao que homenaxeamos con este certame”. Neste senso, Valentín García erixiu a Xosé Neira Vilas como “pioneiro” da literatura infantil e xuvenil en galego coa obra Memorias dun neno labrego “considerada por méritos propios como o bestseller da literatura escrita en galego”.
Ao respecto, lembrou que é a publicación en galego máis editada, con 700.000 exemplares, e tamén máis traducida, xa que pode lerse en idiomas como o alemán, o sueco, romanés, ucraíno, búlgaro, esperanto, checo, maia, ruso e tamén conta cunha edición en braille.
No acto de entrega do premio a Gabriel Romero de Ávila, ademais do secretario xeral da Lingua, tamén estiveron presentes o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo, e o director xeral da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, xa que son as dúas entidades organizadoras do certame, en colaboración co Goberno galego.
O autor premiado
Romero de Ávila presentouse ao certame co pseudónimo ‘Balboa’ e acadou o premio tras a decisión unánime do xurado, conformado por Juan Andrés Fernández Castro, en calidade de presidente, Rosalía Morlán, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, como vogais, e Marta Neira actuando como secretaria.
O xurado destacou en Odio “a solidez na construción dun thriller futurista de acción trepidante”. Concibida como novela negra distópica, a historia convida a lerse como unha parábola crítica da insolidariedade social.