Nova: A Xunta adxudica a César Portela a redacción do proxecto e a dirección das obras do Teatro Cine Fraga

22/09/2025
A Xunta adxudica a César Portela a redacción do proxecto e a dirección das obras do Teatro Cine Fraga
O Goberno galego, en coordinación coa Deputación de Pontevedra, remata os trámites administrativos para conceder por contrato de exclusividade a continuidade nos traballos no inmoble ao autor do proxecto orixinal
Tras isto, prevese que o proxecto, orzamentado en 1 M€, poida ser presentado no mes de abril
O obxectivo das novas intervencións é respectar as actuacións xa realizadas, cuxos dereitos de propiedade intelectual corresponden ao equipo técnico de Portela
As intervencións permitirán contar cun espazo escénico, musical, audiovisual e literario de referencia no noroeste peninsular
Tirarase proveito dos 7.000 metros cadrados para ofrecer unha ampla programación que teña en conta as achegas da cidadanía ao longo do proceso participativo
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2025
A Xunta de Galicia, en coordinación coa Deputación de Pontevedra, acaba de resolver a tramitación por exclusividade do contrato para que sexa César Portela quen asuma a redacción do proxecto básico e de execución, así como a dirección de obras do Teatro Cine Fraga, orzamentado en 1 M€. Cómpre lembrar que o arquitecto pontevedrés é o autor e propietario intelectual do proxecto orixinal e director da actuacións xa executadas deste inmoble, adquirido por ambas as dúas administracións.
Con esta adxudicación, o obxectivo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é respectar a intervención xa realizada segundo o proxecto orixinal para, tras realizar as actualizacións que sexan precisas, converter este edificio emblemático, de 7.000 metros cadrados, nun espazo escénico, musical, audiovisual e literario de referencia no noroeste peninsular. Cómpre lembrar que o Teatro Cine Fraga conta xa cunhas liñas estratéxicas definidas e un plan de usos perfilado con achegas feitas pola cidadanía a través da campaña, presencial e virtual, O mellor espazo busca o mellor contido.
Presentación do proxecto en abril
Tras resolver a tramitación administrativa do contrato a César Portela, e unha vez que se asine, disporase dun prazo de execución estimado de seis meses para que a redacción do plan de traballo estea culminado. Deste xeito, prevese para abril a presentación do proxecto, co que permitirá abrir o novo escenario que dea lugar ao inicio da licitación das obras no primeiro semestre do ano 2026.
A finalidade destas actuacións é recuperar o Teatro Cine Fraga para transformalo nun espazo arquitectónico flexible e polivalente que favoreza a produción e experimentación, a través de obradoiros e laboratorios de ideas vencelladas ás artes musicais, audiovisuais, e literarias. Nesta liña, proponse a posta en marcha de residencias artísticas para profesionais locais e tamén de todo o noroeste peninsular dando pulo e espazo a creadores da cidade e propiciando sinerxías e colaboracións entre artistas do territorio galego, do resto de España e de Portugal.