Nova: A Xunta reforza a promoción do audiovisual galego no seu desembarco no Festival de San Sebastián

20/09/2025
A Xunta reforza a promoción do audiovisual galego no seu desembarco no Festival de San Sebastián
Os axentes acreditados están convidados ao evento que organiza este luns no Kursaal para apoiar os seis filmes con produción galega seleccionados na 73ª edición do certame
‘Rondallas’ e ‘San Simón’ teñen a súa estrea mundial en diferentes seccións deste encontro internacional, onde tamén poderán verse ‘Sirat’, ‘Romería’, ‘Estrany riu’ e ‘Ciudad sin sueño’
Unha delegación de 12 produtoras galegas participará nas actividades do programa profesional ‘Meet Them!’ a partir da colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o festival donostiarra
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2025
O audiovisual galego viaxa cara ao Festival Internacional de Cine de San Sebastián, onde a Xunta de Galicia desenvolverá diferentes accións para difundir o noso cinema e apoiar os seis filmes con participación galega seleccionados nesta edición: Rondallas e San Simón, que terán a súa estrea mundial no certame donostiarra, ademais de Sirat, Romería, Estrany riu e Ciudad sin sueño.
A principal destas actividades será o evento promocional programado para este luns día 22, ás 13,30 h. no restaurante Muka do Kursaal, sede principal do festival, ao que están convidados os principais axentes acreditados. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistirá a esta celebración, organizada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude baixo o selo Films from Galicia e no marco, así mesmo, da Galicia Film Commission.
Estreas de películas subvencionadas
Xa o martes 23 terá lugar a estrea de Rondallas, filmada en diferentes localizacións da ría de Vigo ao abeiro do fondo convocado pola Xunta para a atracción de rodaxes á nosa Comunidade. A fita dirixida por Daniel Sánchez Arévalo proxectarase no Velódromo, que acolle as sesións máis multitudinarias do certame.
A outra estrea galega en San Sebastián será a que protagonizará o xoves 25 San Simón, longametraxe dirixida por Miguel Ángel Delgado e producida por Miramemira cunha das axudas da Xunta á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos. O filme foi seleccionado dentro da sección Made in Spain, onde hoxe mesmo se proxectan outros dous títulos subvencionados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude: Sirat, de Oliver Laxe, que acaba de ser elixido para representar a España na carreira polos Oscar; e Romería, rodada por Carla Simón en Vigo e noutras localizacións da provincia de Pontevedra.
Completan esta representación galega Estrany riu, primeira longa de Jaume Claret Muxart e coproducida por Miramemira xunto á galego-catalá Zuzú Cinema e a alemá Schuldenberg Films, que chega á sección Zabaltegui-Tabakalera tras a súa estrea na Biennale de Cine de Venecia, e Ciudad sin sueño, unha coprodución na que participa a galega Sintagma e que tivo a súa presentación en primicia na Semana da Crítica de Cannes. No seu caso, foi seleccionada dentro do apartado Perlak.
Apartado profesional
A participación do noso cinema esténdese tamén ao apartado profesional deste prestixioso encontro internacional, dentro do que unha ducia de produtoras, emerxentes na súa meirande parte, foron convidadas a participar no programa Meet Them! en virtude da colaboración que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén co festival guipuscoano. Grazas a esta iniciativa, os representantes destas compañías teñen a oportunidade de ampliar a súa rede de contactos e de coñecer o festival de primeira man, ademais de se beneficiar da visibilidade que proporciona o apartado Industria Online na web oficial do certame.
Dentro da intensa axenda de actividades que desenvolve a delegación institucional e empresarial galega desprazada a San Sebastián na procura de novas oportunidades para o sector, destaca igualmente o encontro con Lucía Recalde, directora da Unidade Europa Creativa Media da Comisión Europea, ao que mañá domingo asistirá Jacobo Sutil en representación da Xunta de Galicia. O responsable da Axencia Galega das Industrias Culturais acudirá, así mesmo, á presentación do Coruña Estudio Inmersivo & Pedralonga Estudios que se celebra tamén mañá.
Axudas para a comercialización e difusión
O reforzo promocional á presenza galega nos eventos clave do circuíto cinematográfico internacional, como é o caso e San Sebastián, compleméntase cada ano coa convocatoria de subvencións para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros de negocio especializados e eventos de cine celebrados fóra da Comunidade.
A través desta liña, o Goberno galego contribúe á internacionalización das producións galegas cofinanciando tanto os custos da asistencia de empresas a mercados e feiras de referencia como a promoción dos filmes seleccionados nalgún dos máis destacados festivais a nivel mundial.