Nova: O Galician Freaky Film Festival volve a Vigo co apoio da Xunta para ofrecer a maior escolma de cine fantástico e de serie b da súa traxectoria

19/09/2025

O Galician Freaky Film Festival volve a Vigo co apoio da Xunta para ofrecer a maior escolma de cine fantástico e de serie b da súa traxectoria

Entre o 19 e o 27 de setembro, desenvolverá unha programación para todos os públicos con 74 curtametraxes procedentes de 34 países e 65 estreas en Galicia

Entre as actividades paralelas destaca a homenaxe a Luis Barboo, actor e especialista vigués coñecido polo seu papel no filme ‘Conan, el bárbaro’

A cita forma parte dunha das 10 mostras audiovisuais subvencionadas este ano pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cun total de 300.000 euros a través da convocatoria para festivais profesionais do sector

Vigo, 19 de setembro de 2025

 O festival internacional de cine freak e fantástico Galician Freaky Film Festival (GFFF) estrea hoxe unha nova edición para levar á cidade de Vigo ata o 27 de setembro grandes títulos no xénero e actividades para todos os públicos como evento que avanza na súa consolidación dentro do circuíto do cinema underground. O certame conta co apoio do Goberno galego a través da subvención para festivais audiovisuais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que inviste 300.000 euros na organización de 10 certames estratéxicos para o sector.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou no acto de inauguración do festival na súa sede principal de proxeccións, os cines Tamberlick da cidade olívica. Sutil destacou a calidade da programación deste ano, na que se atopan curtametraxes de realizadores internacionais de gran nivel e obras chave na historia do cinema fantástico ou de serie B. Neste eido, puxo en valor o recoñecemento á figura de Luis Barboo (Vigo, 1927–2001) recuperando a historia deste actor e especialista galego que chegou a compartir escena con mitos do cinema universal como Clint Eastwood, Kirk Douglas, Charlton Heston ou Sean Connery.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que o Galician Freaky Film Festival forma parte dos dez certames que contan con axudas da Xunta, co obxectivo de favorecer e impulsar o circuíto galego de mostras neste ámbito, que destaca especialmente pola gran variedade na súa especialización en xéneros e formatos. Jacobo Sutil subliñou, ademais, a relevancia da oferta de actividades para o público infantil e xuvenil do GFFF a través de PequeFreak, unha sección coa que a cativada pode achegarse a estes xéneros e gozar do cinema.

A sesión inaugural do festival trouxo a Vigo dous clásicos do cinema englobado na etiqueta Mad Doctors” (Médicos tolos). Proxectáronse así Young Frankenstein e Bride of re-animator (1990), dous filmes que son referentes atemporais do xénero de terror e fantasía e que no seu día sorprenderon cos seus efectos especiais. Para comentar este aspecto, despois da dobre sesión, realizouse un coloquio con FX Ricardo Spencer, experto en efectos realizados directamente nos sets de rodaxe durante as filmacións.

Curtametraxes de ata 34 países na Sección oficial

A novena será unha edición récord de actividade, con 74 curtametraxes procedentes de 34 países. Ademais, o público poderá ver en exclusiva unha estrea mundial, dúas internacionais, unha europea, 28 en España e 34 en Galicia. En total, 65 das 74 pezas proxectaranse por vez primeira na nosa Comunidade, do xeito que a Sección oficial achegaralle ao público a diversidade de estilos e narrativas que toman a fantasía como punto de partida para lle descubrir novas historias.

A programación artéllase en 12 bloques temáticos, pensados para alimentar todos os gustos. Un percorrido por pezas que exploran desde o suspense psicolóxico ata o body horror máis visceral, propostas cómicas, cine experimental, filmes de serie B ou surrealismo e esaxeración visual. O Galician Freaky Film Festival tamén mira ao pasado e a grandes emblemas do xénero: o filme de clausura será The Rookie Horror Picture Show, obra mestra do xénero musical-horror e do cine de estética camp baseada no humor, a ironía e a esaxeración. Dirixida por Jim Sharman e escrita por Richard O’Brien, revolucionou a cultura popular por crear unha nova forma de ver cine coa participación activa do público e converterse no fenómeno cinematográfico de participación máis duradeiro da historia, con proxeccións de medianoite que continúan ata hoxe. Pola súa banda, a sesión Corman Night dedicarase á obra de Roger Corman, un dos grandes directores e produtores da historia do cinema de serie B.

Homenaxe ao vigués Luis Barboo

Un dos momentos especiais da programación será o dedicado a recuperar a figura do actor e especialista galego Luis Barboo, con case 150 títulos ás súas costas, rostro imprescindible do spaghetti western e do “fantaterror” español, que acadou un dos seus maiores recoñecementos interpretación de “el Rojo” no filme Conan, el bárbaro. Este título será o que se proxecte durante a homenaxe, o 23 de setembro. Antes da película, celebrarase un coloquio na sala Ap’ostrophe.arte co título Luis Barboo: o vigués que camiñou coas estrelas, conducido polo escritor e cineasta Josiño Araujo e a subdirectora do festival, Miriam P. Álvarez, quen están traballando nun documental sobre Barboo.

Baixo a dirección de Juan de Castro, o Galician Freaky Film Festival organiza tamén diferentes actividades paralelas: encontros con outros certames e profesionais do sector, a Feira Fantástica e Freak de Galicia ou un concurso de banda deseñada. No PequeFreak están programadas curtas, longametraxes e un obradoiro de efectos especiais para que se inicien neste universo de fantasía.

Comparte