Nova: López Campos propón declarar o 2026 ‘Ano Ramón Otero Pedrayo’

18/09/2025
López Campos propón declarar o 2026 ‘Ano Ramón Otero Pedrayo’
A iniciativa busca poñer en valor a súa figura e promover novas achegas para divulgar e coñecer o seu legado
O representante de Cultura participa na presentación das catro cátedras institucionais dedicadas a Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Castelao e Carvalho Calero
O obxectivo do convenio coa Universidade de Santiago de Compostela e Parlamento de Galicia é impulsar ata 2027 cursos, seminarios, conferencias e actividades académicas que versen sobre a figura dos autores
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, propuxo esta mañá declarar o 2026 como Ano Ramón Otero Pedrayo co gallo do 50 aniversario do seu pasamento e o centenario da publicación de Guía de Galicia. Fíxoo na presentación das cátedras institucionais dedicadas ao autor ourensán, Rosalía de Castro, Castelao e Carvalho Calero, onde destacou que o legado destes persoeiros son “o piar que define a nosa cultura e identidade como galegos e por iso é importante recoñecelo e enxalzalo”.
O representante de Cultura do Goberno Galego, xunto co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, destacou a pegada dos autores e fixo un chamamento para, “despois dun ano no que homenaxeamos a Castelao, unamos de novo as institucións para poñer en valor a figura de Otero Pedrayo, un autor que estivo detrás dos grandes proxectos en prol da dignificación da cultura galega”.
No concerninte ás cátedras, López Campos explicou que estes estudos son posibles grazas á colaboración co Parlamento de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela co obxectivo é fomentar a investigación sobre a lingua e cultura galegas, ao tempo que se promove a divulgación do legado destas figuras galegas. Así, cun investimento de 60.000 €, as cátedras configúranse como un foro para a execución de actividades e programas docentes e formativos, académicos, de estudo, divulgación e de fomento e promoción da vida e obra destes catro emblemáticos autores galegos.
Durante a presentación, o conselleiro remarcou que “é relevante coñecer de onde vimos para construír o mellor futuro. Iso é o que buscamos con estes convenios, vixentes ata o ano 2027, que promoven a investigación científica no campo do estudo académico e crítico da obra destes autores, para coñecer as nosas raíces”. Deste xeito, impulsarase a realización de cursos, seminarios, conferencias e actividades académicas que contribúan a facilitar o debate cultural e académico da súa obra. Así mesmo, premiaranse aqueles traballos académicos que versen sobre o legado de Rosalía de Catro, Otero Pedrayo, Castelao e Carvalho Calero, crearase un fondo bibliográfico e documental sobre a súa obra e difundiranse os valores asociados co seu traballo e figura.
Cómpre lembrar que estas cátedras universitarias de investigación e divulgación están dirixidas a reforzar a importancia e repercusión destes escritores na literatura e están concibidas para impulsar a súa proxección como o seu coñecemento tanto no ámbito galego como en España e a nivel internacional. Para iso, integraranse dentro da estrutura académica da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Catro figuras relevantes vencelladas á historia galega
As cátedras institucionais que se poñen en marcha levan o nome de catro referentes vencellados á historia galega. Así, coa creación da de Rosalía de Castro refórzase a importancia da escritora galega máis universal, recordada por publicar a primeira grande obra en lingua galega Cantares Gallegos no ano 1863, e por ser a precursora da poesía española e referente do Rexurdimento.
As de Castelao e Otero Pedrayo, pola súa banda, inciden na repercusión de ambos autores como representativos da cultura galega do século XX, ao tratarse de figuras polifacéticas como narradores, ensaístas, dramaturgos, debuxantes e políticos. Por último, a de Carvalho Calero consolida a trascendencia do escritor pola súa defensa pola lingua e cultura galegas.