Nova: A Xunta e a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzheimer premian a Rita Doallo co IV premio Simbad

17/09/2025
A Xunta e a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzheimer premian a Rita Doallo co IV premio Simbad
O secretario xeral de Lingua, Valentín García, participa na entrega deste galardón á autora pola súa obra ‘Astralistoria’
Destaca a importancia da lingua e literatura infantil para “construír unha sociedade máis consciente e máis humana”
Santiago de Compostela, 17 de setembro 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na entrega do cuarto premio de literatura infantil Simbad, que recaeu en Rita Doallo, pola obra Astralistoria. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer que conta co apoio da Xunta de Galicia, co obxectivo de sensibilizar sobre esta doenza entre a cativada e establecer vínculos a través da literatura entre as distintas xeracións.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, salientou que a lingua e a literatura infantil “son ferramentas esenciais para construír unha sociedade máis consciente e máis humana por iso son importantes iniciativas como esta para crear novas xeracións máis comprometidas”. Neste senso, felicitou aos organizadores polo éxito desta cuarta edición do certame e polo traballo en materia de concienciación sobre a doenza que afecta a máis de 70.000 galegos e galegas.
A autora premiada
Rita Doallo (San Cibrao das Viñas, 1987) é educadora social, traballadora social e responsable dunha casa niño en Taboadela. Publicou Bigote de tres pelos e Que enleada coa piada.
O premio de literatura infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer parte da inspiración dunha obra pioneira neste campo en Galicia, Chamádeme Simbad (2009), de Francisco Castro, que buscaba sensibilizar sobre as devanditas enfermidades, así como promover a literatura infantil e xuvenil en galego. A gañadora, que recibirá 3000 euros e a posibilidade de ver publicada a súa obra, uniranse a Raquel Castro, Ignacio Vidal, Irene Alonso Gasalla e Ángela María Curro, galardoados nas tres primeiras edicións.