Nova: López Campos anima o alumnado do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires a seguir mantendo vivo na Arxentina o legado de Castelao

15/09/2025
López Campos anima o alumnado do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires a seguir mantendo vivo na Arxentina o legado de Castelao
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude recibe na Cidade da Cultura unha vintena de estudantes que están a realizar unha viaxe de estudos á Comunidade
A mocidade participante visita no Museo Gaiás a mostra interactiva sobre a figura e obra do intelectual de Rianxo ao que se lle dedica neste 2005 o Ano Castelao
Santiago de Compostela, 15 de setembro 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, animou hoxe o alumnado do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol de Bos Aires a manter vivo o legado de Castelao na Arxentina, “país no que nunca deixou de difundir e expandir o seu amor pola lingua, cultura e a terra galegas”. Así llo transmitiu nun encontro na Cidade da Cultura con esta mocidade, que está a realizar unha viaxe de estudos á Comunidade para coñecer lugares de especial interese patrimonial e natural, así como as principais institucións culturais galegas.
O titular de Cultura do Goberno galego, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, lembroulle a vintena de rapaces e rapazas deste centro bonaerense que a súa visita a Galicia coinciden coa celebración do Ano Castelao, co que a Xunta está a conmemorar o 75 aniversario do falecemento dunha das figuras máis senlleiras da cultura e intelectualidade de Galicia.
Neste senso, salientou o “importante papel de defensor e difusor universal da cultura e linguas galegas que desenvolveu Castelao e, dun xeito especial, na Arxentina”, en referencia aos fortes vencellos con este país, onde pasou os últimos anos da súa vida “sen desfalecer en ningún instante o seu galeguismo practicante, cuns valores imperecedoiros que vos animo a seguir mantendo acesos”, emprazoulles.
Visita á ‘Castelao. Mirar por Galicia’
Precisamente, estes estudantes, con idades comprendidas entre os 17 e 18 anos de idade, tiraron proveito da súa estancia na Cidade da Cultura de Galicia, impulsada pola Xunta de Galicia para visitar a exposición virtual Castelao. Mirar por Galicia. Trátase dunha das actividades da programación do Ano Castelo para difundir a súa figura e a súa obra facendo uso da intelixencia artificial e que permite interactuar cunha recreación hiperrealista do artista.
Cómpre lembrar que o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo puxo en marcha o seu primeiro ciclo lectivo en marzo de 1998 para atender a ampla demanda social da colectividade galega na capital arxentina e, desde entón, foi completando a súa oferta educativa ata abranguer os actuais niveis de infantil, primaria e secundaria. Desde o ano 2003, o centro de ensino conta cun Departamento de Lingua e Literatura Galega, que contribúe aínda máis a reafirmar os valores e trazos da identidade e da cultura do noso país na escola, favorecendo a súa difusión entre o seu estudantado.
O alumnado cursa nel as materias, co galego como lingua vehicular, de Lingua e Literatura, Xeografía e Historia de Galicia. Ademais, o centro conseguiu hai dous meses converterse en Centro de Convenio, dependente do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, unha categoría que o Goberno central levaba 15 anos sen outorgar.