Nova: López Campos erixe a Galicia como “referente internacional e de prestixio” do gravado artístico

13/09/2025
López Campos erixe a Galicia como “referente internacional e de prestixio” do gravado artístico
Salienta o “incondicional apoio” do Goberno galego no pulo na Comunidade a esta disciplina artística, que esperta un gran interese entre creadores de todo mundo
Gaba a dinamización cultural do rural que realiza o Museo de Artes do Gravado
Ribeira (A Coruña), 13 de setembro 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe a Galicia como “referente internacional e de prestixio” do gravado artístico. Fíxoo no acto de entrega de galardóns do XVI Premios Atlante, celebrado no Museo de Artes do Gravado á Estama Dixital, no municipio coruñés Ribeira, e no que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o de Turismo, Xosé Manuel Merelles.
O titular de Cultura do Goberno galego gabou a “calidade e orixinalidade” que esta disciplina rexistra en Galicia, á vez que o “talento e innovación” dos autores e autoras galegas, aos que garantiu manter o “incondicional apoio” que desde o Goberno galego se realiza a esta arte.
Ademais, López Campos salientou o desenvolvemento e interese polo gravado artístico “entre as xeracións máis novas e entre os creadores de todo o mundo”. “E na nosa terra teñen un referente ao que mirar e admirar”, aseverou con respecto tanto á creación galega, como á actividade que se desenvolve ao abeiro do museo, situado na parroquia de Artes. Precisamente, apuntou, como mostra disto, “a pluralidade de nacionalidades” dos traballos presentados e premiados nas últimas edicións de Atlante.
Así, o galardón principal, o Ramiro Garregal Rey, foi para Marco Ponda, de Turín (Italia), mentres que os outros Premios Atlante foron para á pacense Áurea Muñoz del Amo, ao italiano Vittorio Venturoli, ao tailandés Nuttakarn Vajasut e á viguesa Rosa García Martínez. A distinción para menores de 25 anos de idade recaeu na italiana Sara Vettorello. A maiores, concedéronse cinco mencións de honra a Ekin Yagman, de Arabia Saudí; Miguel Muñoz, de Madrid; Mirta Gendin, da Arxentina; Manuel Lareo, da Coruña, e Erika Suda, de Italia.
Finalmente, o conselleiro gabou o ”importe papel” que desenvolve o Museo de Artes do Gravado como “dinamizador cultural, en especial no rural”. “Co voso traballo levastes a Ribeira, e polo tanto a Galicia, a ser un dos referentes dentro dos grandes proxectos do mundo do gravado a nivel internacional”, concluíu.