Nova: A Xunta ofrece 21 novas actuacións escénicas e musicais na provincia de Ourense a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

12/09/2025
A Xunta ofrece 21 novas actuacións escénicas e musicais na provincia de Ourense a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
A pasada noite o Teatro Principal de Ourense acolleu ‘Dique’, de Nova Galega de Danza en coprodución co Centro Coreográfico Galego
As primeiras citas fóra da cidade son mañá sábado no Carballiño co concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e o luns no Barco de Valdeorras coa obra de teatro ‘Bulebule’ de Os Náufragos, en tanto que a finais de mes arranca a programación no Centro Cultural Avenida da Rúa
O circuíto, cofinanciado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e 43 entidades locais asociadas, conta neste 2025 con máis de 2M € para levar a cabo 560 actuacións de 198 formacións artísticas profesionais
Ourense, 12 de setembro de 2025
A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado entre a Xunta e 43 entidades locais asociadas, ofrece ata final de ano 21 actuacións escénicas e musicais na provincia de Ourense. Os municipios que acollen esta programación son O Carballiño, O Barco de Valdeorras, A Rúa e a propia cidade de Ourense, que son os que contan con escenarios adheridos a esta ampla carteleira anual.
No Carballiño, a programación do segundo semestre arranca este sábado, 13 de setembro, ás 20,30 horas na praza Maior co concerto Axúdame a sentir, de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. As outras tres citas na localidade serán xa en decembro no Auditorio Municipal Manuel María cos espectáculos dirixidos a público familiar Os tres porquiños, de EducaTeatro Producións (día 6) e Bichitos de Spasmo Teatro (día 8), así como a actuación Retranca e maxia de Luis Boyano (día 14).
Actuacións en Valdeorras
O seguinte escenario da provincia que retoma a actividade da Rede Galega de Teatros e Auditorios é o Teatro Lauro Olmo no Barco de Valdeorras. Será o vindeiro luns, 15 de setembro, co espectáculo familiar Bulebule, de Os Náufragos. As funcións continuarán en outubro coa obra Abra da cabra, de LÎLÂ TEATRO, (venres 17) e Acender a noite, de Sole Felloza, (venres 31) e xa en novembro coa montaxe As gardiás, de Teatro de Ningures (venres 7), e o concerto de Ecos de Breogán (venres 14).
Pola súa banda, A Rúa programa catro actuacións no Centro Cultural Avenida. A primeira delas será 28 de setembro coa comedia Esas cousas marabillosas, de Empatía Teatro. O día 1 de novembro chegará o espectáculo familiar Quen dixo medo!, de Barafunda, cunha terrorífica sesión de sorrisos para bailar con monstros e, xa en decembro, será a quenda do concerto de Pablo Lesuit (día 5) e as satíricas historias da peza O que hai que ver, de Fulano, Mengano e Citano (día 8).
Continúa a programación no Teatro Principal
Trala estrea de A metamorfose, a nova produción de Sarabela Teatro con subvención á creación por parte da Xunta, a programación do Teatro Principal de Ourense continuou a pasada noite co espectáculo de danza Dique, de Nova Galega de Danza en coprodución co Centro Coreográfico Galego. Neste mes, o día 19, tamén ofrece Los yugoslavos, con texto e dirección de Juan Mayorga e un elenco de luxo formado por Luis Bermejo, Javier Gutiérrez, Natalia Hernández e Alba Planas.
O sábado 15 de novembro o público ourensán poderá gozar así mesmo da estrea de Nas nubes, a nova montaxe de Redrum Teatro, unha comedia distópica sobre o impacto da tecnoloxía nas nosas vidas a partir da obra coa que José Luis Baños de Cos gañou o premio Barriga Verde de textos para monicreques convocado pola Xunta. A programación nese mes complétase coa peza de danza Tabú, de Colectivo Glovo (venres 21) e a nova montaxe de Contraproducións Yo solo quiero irme a Francia (sábado 22). Xa o 4 de decembro, o escenario da rúa da Paz acolle Esas cousas marabillosas, de Empatía Teatro.
Concertos e funcións escénicas en 560 citas culturais
Durante todo este 2025, a Rede Galega de Teatros e Auditorios conta cun orzamento de máis de 2M € e programa 560 funcións de artes escénicas e musicais de 198 formacións en 43 concellos das catro provincias galegas. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, dispón para este ano dun orzamento de preto de 1 M€ destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte, co que se constitúe un mercado determinante para a distribución interior dos espectáculos producidos no país.