Nova: O Ourense Film Festival proxecta co apoio da Xunta a imaxe de Galicia como escenario de produccións e actúa como elemento tractor do turismo

11/09/2025

O Ourense Film Festival proxecta co apoio da Xunta a imaxe de Galicia como escenario de produccións e actúa como elemento tractor do turismo

O director de Turismo de Galicia presentou a cita deste ano e salientou o papel deste tipo de eventos na promoción do destino

Galicia Calidade tamén terá un papel destacado no certame, o máis antigo de Galicia de carácter competitivo 

Cenlle (Ourense), 11 de setembro de 2025

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta tarde na presentación da 30 edición do Ourense Film Festival (OUFF), nun acto que tivo lugar no Balneario de Laias, en Cenlle (Ourense) e ao que asistiu tamén o director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Merelles quixo destacar “o carácter único deste evento, o certame internacional de carácter competitivo máis antigo de Galicia, e a proxección que este supón para toda a provincia de Ourense e para Galicia xeral, ao poñer a comunidade no mapa dos certames audiovisuais”. O OUFF desenvolverase do 26 de setembro o 5 de outubro.

O director de Turismo de Galicia destacou o papel dos eventos cinematográficos, que en concreto contribúen a posicionar a comunidade como escenario de producións, así como doutros certames e festivais musicais e audiovisuais, como tractores de turismo. Incidiu, tamén, no aporte á desestacionalización da oferta turística dos eventos realizados en épocas de menor afluencia turística, como é o caso do OUFF.  

Xosé Merelles destacou ademais o traballo desenvolvido desde Turismo de Galicia para incrementar a oferta de ocio na provincia mediante o apoio a eventos e citas de distinta índole durante este 2025 que supoñen un investimento global de máis de  1,16M€.

Un ano máis, o OUFF conta para a súa organización coa colaboración da Xunta de Galicia e nesta edición Galicia Calidade tamén estará presente a través dunha selección de produtos e empresas avaladas pola marca. En concreto, o selo galego estará presente na inauguración, o día 26 de setembro, onde o Restaurante Nova de Ourense, certificado por Galicia Calidade, será o encargado de ofrecer unha demostración culinaria.

O organismo participará tamén no peche do OUFF, o día 4 de outubro, onde o Restaurante Coto de Ourense, que conta co selo Galicia Calidade, servirá aos 500 asistentes un cocktail con produtos certificados pola marca de garantía.

30 aniversario do OUFF

Na súa terceira década, o OUFF presenta importantes novidades. Ademais das seccións oficiais de longametraxes e curtametraxes a competición -a internacional e Panorama Galicia-, incorpórase Faíscas, unha residencia audiovisual para que menores de 30 anos elaboren a súa obra durante o propio festival. 

Créanse tamén as seccións Made in OU -na que se visionarán traballos de creadores ourensáns-, Xanela -que presentará catro proxectos audiovisuais en fase de desenvolvemento-, e Agarimo, pensada para recoñecer a figuras destacadas do cine e a cultura. Neste primeiro ano homenaxeará á actriz Angela Lansbury e á escritora Carmen Martín Gaite, coa proxección de varias das súas obras.

Como programación paralela, o OUFF inclúe a exposición “Making Movies: Un viaje detrás de las cámaras”, así como tres roteiros de cine que percorrerán distintas localizacións da provincia.

 

Comparte