Nova: O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asiste á estrea do espectáculo do Centro Dramático Galego ‘A serie clopen’

11/09/2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asiste á estrea do espectáculo do Centro Dramático Galego ‘A serie clopen’

Esta nova produción da compañía da Xunta conxuga matemáticas, historia e circo para achegar unha reflexión sobre os retos da mocidade nunha posta en escena moi áxil e visual que busca atraer especialmente o público adolescente

Poderá verse ata o 26 de outubro no Salón Teatro de Santiago de Compostela, ao que se achegarán tamén espectadores doutros 45 concellos galegos grazas á campaña de mobilidade ‘Sobes ao autobús do teatro?’

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2025

O Salón Teatro de Santiago de Compostela encheuse esta tarde para a estrea de A serie clopen, a nova produción do Centro Dramático Galego, que contou coa asistencia do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. O espectáculo, co que a compañía teatral da Xunta de Galicia inaugura a súa temporada 2025-2026, permanecerá en cartel ata o 26 de outubro con funcións de mércores a domingo, ás 18,00 h.

Os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, acompañaron o titular de Cultura do Goberno galego nesta primeira función da proposta que dirixe Pablo Reboleiro, autor tamén da dramaturxia xunto con Clara Gayo.

Con ela, o circo protagoniza por vez primeira unha produción propia da compañía pública galega, conxugando ademais matemáticas e historia para falar dos paradoxos do mundo actual e reflexionar sobre os retos aos que se enfronta a mocidade. A montaxe, apta para todas as idades, diríxese especialmente ao público adolescente cunha posta en escena áxil e moi visual, que mestura clown, acrobacias, malabares, aéreos, danza e música a través das interpretacións de Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hess, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos e Guillermo Solo.

Durante a súa estadía  no Salón Teatro, A serie clopen será vista tamén por público chegado doutros 45 concellos galegos como parte da campaña de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, que o Centro Dramático Galego pon en marcha para cada unha das súas produción. Disponse tamén das habituais medidas de accesibilidade, ademais das funcións descontraídas dos mércores.

As entradas poden adquirirse na web ataquilla.com, así como no despacho de billetes do Salón Teatro os días de función desde as 16,00 h.

 

Comparte