Nova: Cerdedo-Cotobade mellorará o auditorio e a biblioteca municipal grazas a unha achega da Xunta de 20.000 euros

11/09/2025

Cerdedo-Cotobade mellorará o auditorio e a biblioteca municipal grazas a unha achega da Xunta de 20.000 euros

As subvencións a entidades locais de Galicia para o equipamento e mellora das instalacións utilizados para a realización de actividades culturais sumaron preto de 75.000 euros nos concellos da provincia de Pontevedra

O delegado territorial destacou a importancia de manter a colaboración institucional

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 11 de setembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o auditorio e a biblioteca municipal de Cerdedo-Cotobade, que serán mellorados grazas a unha achega da Xunta de 20.000 euros.

Acompañado polo alcalde, Jorge Cubela, o delegado comprendeu a necesidade das actuacións de optimización destes espazos, que incluirán a eliminación de humidades e a mellora da pintura.

Así, Cerdedo-Cotobade foi un dos cinco concellos da provincia de Pontevedra que se beneficiaron destas subvencións a entidades locais de Galicia para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, que sumaron preto de 75.000 euros nos concellos da provincia de Pontevedra.

Reguera rematou a visita lembrando a importancia da colaboración entre institucións e destacando a necesidade de “seguir mantendo unha comunicación fluída cos alcaldes e alcaldesas que son quen mellor coñecen as necesidades dos seus concellos, de cara a utilizar os recursos públicos da forma máis eficiente posible”.

Comparte